E tamén a auga, por que non?

Marta Lois PORTAVOZ DE COMPOSTELA ABERTA E PROFESORA DE POLÍTICAS NA USC

SANTIAGO

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas últimas décadas Santiago ten destacado en moitos ámbitos. No que máis, na protección da cidade histórica-monumental, da que aínda recentemente celebramos os 35 anos da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Unha historia de éxito no que a actuación firme da administración pública, acompañada dunha sociedade dinámica e orgullosa do seu patrimonio, foi fundamental. Independentemente do que aconteza no futuro, é evidente que a intervención pública foi primordial para conservar o corazón de Santiago. Lamentablemente, este bo facer non foi acompañado, en paralelo, dunha xestión eficiente e eficaz noutros servizos públicos esenciais para a veciñanza, como por exemplo o de abastecemento e saneamento de auga.

Nos anos 80 e 90, o Concello reproduciu o modelo de xestión indirecta, a través da empresa privada, instaurado en 1971. Novos contratos, ampliacións e sucesivas prórrogas -cuestionadas polo Tribunal de Contas- que merecen avaliación, deixando fóra todo tipo de prexuízos, buscando o mellor para Compostela. O propio alcalde recoñece que o déficit de infraestruturas acumulado neste servizo é enorme, tal vez máis de 100 millóns de euros. Bugallo sabe ben do que fala porque sempre estivo aí, desde 1983, como xefe de gabinete, concelleiro e alcalde. El, mellor que ninguén, sabe que a xestión da auga para os próximos 25 anos é unha decisión que debe contar co máis amplo dos consensos onde, tamén, a cidadanía debe ter voz propia. Decisión que necesita un informe económico de alternativas serio, porque hai datos que avalan tanto unha posible rebaixa da tarifa ata nun 13 %, como a xeración de recursos desde a xestión pública para renovar a rede.

Despois de 50 anos é de xustiza transparentar a xestión realizada por Viaqua, anteriormente Aquagest, sen esquecer que esta empresa pertence á multinacional francesa Suez. Se conseguimos conservar o patrimonio de Compostela como ben común, por que non afrontamos o reto de conservar un ben público aínda máis prezado como é a auga? Tamén a auga, por que non?