O Xelmírez I valora experiencias de éxito co galego

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Varios exemplos prácticos e concretos de usos lingüísticos no ensino dinamizan as Xornadas Calviño

07 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor Bernardo Penabade expón esta tarde no IES Xelmírez I o Modelo Burela, onde se reforzan as posibilidades de uso internacional do idioma galego na Mariña. A continuación, Séchu Sende defenderá as posibilidades do uso das regueifas nas aulas. Con estas dúas intervencións finalizaron as Xornadas Calviño 2020, organizadas nos últimos anos por este instituto santiagués para honrar a memoria do docente que impulsou unha recoñecida experiencia pedagóxica nas últimas décadas do século pasado, que se considera como un modelo didáctico.

As sesións comezaron o día 3. Entre os relatores estiveron Carlos Negro, para falar do uso da poesía no seu centro de Ames; Olga Iglesias e Raquel Fernández, do Xelmírez I e do IES de Pontepedriña, e Mar Hermida, de Cambre (as tres son coordinadoras da experiencia 21 días co galego nos seus centros); Ana Moreiras, que dinamizou traballos con cinema e robótica na comarca da Barbanza; e Valentina Formoso.

«O ensino galego e en galego foi sempre un centro de interese nas Xornadas Calviño. Esta vez insistimos en exemplos prácticos e concretos de experiencias e usos lingüísticos de éxito nas aulas do país» afirma Manuel Portas, director do centro. «Pola relevancia do tema, incluímos as xornadas dentro da programación do 175 aniversario do centro», acrecenta. Por volta de 50 docentes interesáronse en participar, e a Consellería de Educación valora as xornadas como formación. Na inauguración estivo Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.