Elena Vázquez Abal: «Imaxínate facer un exame que sexa divertido. Con MatHex pódese»

Tamara Montero
Tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A USC vén de poñer en liña un xogo de preguntas coas que aprender divertíndose

31 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai mellor xeito de aprender que pasándoo ben. Por iso, un equipo de docentes do departamento de Matemáticas da Universidade de Santiago, coa profesora Elena Vázquez Abal á fronte e en colaboración con profesorado de secundaria vén de pór en rede a versión de proba de MatHex, un xogo que ten como obxectivo achegar a ciencia a todo tipo de público.

-Como xurdiu a idea de facer este videoxogo?

-O grupo leva moito tempo traballando en divulgación e innovación educativa. Xa hai tempo que tiñamos a idea e este ano conseguimos financiamento da Fecyt e botámonos adiante.

-Como se escollen as preguntas? Porque hai algunhas que son bastante complicadas...

-[Ri] É que estades moi afeitos a xogar e gañar, e este é un xogo para xogar e para aprender. Sempre intentamos facer algo que puidera levar a cabo moito tipo de alumnado. Empezamos a traballar pensando nos alumnos da facultade, pero vimos que isto podía valer para moita xente. O tipo de preguntas que temos son de moitas clases. O único constante en todos os niveis é que hai preguntas sobre mulleres matemáticas. Hai preguntas que fixemos nós, outras que pedimos permiso para poder usar... Por exemplo, o xogo está tendo moita difusión en México porque pedimos autorización para utilizar preguntas do calendario matemático que fan en México na organización das olimpíadas matemáticas.

-O xogo ten tamén perspectiva de xénero, con cuestións sobre mulleres matemáticas.

-Si. Marta Macho é unha muller que se dedica ás matemática e ten un blog de divulgación de Mujeres con Ciencia. A información sacámola de aí e da cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco. Tamén hai preguntas sobre curiosidades matemáticas que están dispoñibles en DivulgaMat. E tamén colaboramos con profesorado de secundaria que fixeron un xogo de taboleiro e de aí tamén collemos preguntas.

-Cantas preguntas hai actualmente?

-Para cada tipo de xogo hai entre 60 e 90 preguntas, pero hai que meter moitas máis. É un proceso longo, porque ten que ter resposta múltiple. Ademais, se acertas dá máis información do que fixeches, pero se fallas tamén hai retroalimentación. Non di a resposta, porque o que se intenta é que o alumnado ou a persoa que entre intente buscar a resposta, pero si dá pistas.

-Fala de alumnado. Este xogo é para todo o mundo pero ten unha vertente educativa.

-A base do xogo é para calquera, cadaquén que se mida no nivel que se atreva. Pero fomos calibrando coa xente de programación que se pode usar como ferramenta nas aulas. Hai xeito de dar de alta a un docente, que poida meter os seus contidos nunha base de datos e utilizala só esa persoa. É un modo privado.

-Personalizar o xogo.

-Exacto. Dese xeito o xogo só funciona con esas preguntas e esas preguntas non van á base de datos pública. Imaxínate que queres facer por exemplo un exame divertido. Con este xogo pódese, por exemplo xogando contra a máquina máis lista a ver cantas veces gañas. Pero aínda temos que buscar unha solución sobre como transmitirlle ao profesor, se non está presente, como se comportou o alumnado nesa proba.

-E ademais este é de matemáticas pero a idea é facelo de diferentes disciplinas.

-É que vale para calquera cousa: só hai que cambiar as preguntas por xeografía, por física... E xa tes o xogo. De feito, estamos traballando para testalo nas aulas, para que os profesores o utilicen, aínda que queremos que o teste canta máis xente mellor.

O proxecto. A base de MatHex é un taboleiro formado por hexágonos inspirado no clásico xogo de mesa HEX. Para avanzar polo taboleiro hai que acertar preguntas.

Como xogar. MatHex está dispoñible en versión beta no enderezo web https://mathex.games.