Picheleiros

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

SANTIAGO

04 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada minuto, muda a pel. E de súpeto, é outra. Nun mesmo intre, hai ducias de Compostelas convivindo neste espazo tan cativo do val da Amaía. Hai unha cidade dos estudantes, que brilla de noite e se recolle co abrente. Mentres o Santiago máis novo se deita, érguese outro. O do recendo a café quentiño, a molete de Moure e a peixe fresco. O que mira refregando os ollos aínda medio pechados a un novo día e se vive releando unha miga o prezo da manchea. Daquela, nas alboradas comeza a andar esa Compostela dos caxatos co seu pum, pum, pum constante sobre a lousa. Dos que veñen apurando dende os Concheiros, soben as Casas Reais dando alancadas e caen derreados diante desa catedral que levaban vendo ao lonxe durante tanto tempo.

Por iso somos poucos. Porque é esta unha cidade eterna que porén vive os séculos apousentada no constante cambio. Medran novos barrios e baléirase o casco histórico. Uns van e outros veñen. Ás veces, quedan. E son eses os que traen novos picheleiros. Que naceron no Clínico ou en Galeras. Que aprenderon a xuntar as letras no López Ferreiro, en Fontiñas, no Pío XII, en Peleteiro ou no Raíña Fabiola. Que ao campus lle chaman a Residencia. Que escorrentan a calor nas piscinas de Sar e na invernía saben que Metate rima con chocolate.

A labazada veu outra vez dos números. Coitelos fríos que demostran que, outro ano máis, somos menos. Aínda menos picheleiros. Será a crise demográfica, serán os prezos, serán os servizos, será a vivenda. Mercala é de valentes e alugala, ultimamente, de millonarios. Será o que sexa, pero Compostela mingua mentres outros medran.