«A música popular tamén pode ser moi moderna e moi 'cool'»

La Voz

SANTIAGO

O cantante e compositor actúa o sábado en Santiago
O cantante e compositor actúa o sábado en Santiago . C. q.< / span>

Presentará o disco «The Tambourine Man» acompañado das Adufeiras de Salitre e os irmáns Álvarez na Capitol este sábado día 9

07 ene 2016 . Actualizado a las 20:51 h.

Sábado 9 / 22.00 horas / Sala Capitol / Entradas 16 euros en taquilla (14 anticipada) / O músico, compositor e cantante Xabier Díaz volve este sábado a Santiago para presentar o seu novo traballo discográfico, The Tambourine Man, que saíu a venda en outubro. O que foi integrante de grupos como Berrogüeto, chega ao escenario coas Adufeiras de Salitre e os irmáns Gutier e Javier Álvarez. Despois de Santiago, actuará en Glasgow e en Cardiff a finais de mes. Díaz deixa clara a súa aposta pola música popular: «É para ser modernos, cools, máis contemporáneos que o outro tipo de música. Non debemos de ter prexuízos, nin facernos de menos por facer isto. En realidade é o noso, temos que fachendear disto».

-O disco chega oito anos despois de «Coplas para Icía», ¿está relacionado con el ou é completamente diferente?

-Ten que ver con ese. En realidade é un disco de música tradicional. Os cimentos que conforman este novo traballo son os mesmos que conformaron ese outro, é dicir, é musica popular. O primeiro tiña unha revisión feita dende unha perspectiva máis jazzista e este ten unha perspectiva diferente.

-Fala de música popular e renovación, ¿que porcentaxe hai de tradición e de renovación en «The Tambourine Man»?

-Diría que o 50 %. É música popular, pero son un tipo deste tempo que nos toca vivir. Afrontei o traballo como se fosen temas que eu ía construír dende cero. Son materiais que me molan, é o disco que quería facer, as cancións que quería facer... Ten unha perspectiva moi de hoxe pero non deixa de ser música do pobo, música que eu encontrei por aí recollendo coa miña gravadora. Esta música popular tamén pode ser moi moderna, de hoxe, moi cool...

-¿É cada vez máis difícil atopar pezas inéditas?

-É algo cíclico. ¡Eu que sei! Supoño que o día de mañá virán con gravadoras a gravarme a min. É evidente que a música popular no lugar no que se gardaba, que era a memoria das señoras maiores, nas aldeas e demais, tal cal coñeciamos, seguramente mudou. Creo que esa fonte vaise modificar, e ao final, esa recollida e esa toma de información do acervo popular e demais vai estar na Internet. É probable que mutará a forma pero non se acabará.

-Acompáñano as Adufeiras e dous músicos. Un proxecto amplo cada vez menos habitual...

-Estamos viaxando con ese formato grande, incluso collendo avións. Eu son un chalado e un chalado optimista. Teño fe no proxecto. Penso que hai que romper esa inercia da crise de estar permanentemente reformateándonos en cousas pequenas para poder subsistir. Polo feedback que me está dando o público e, incluso, a oficina, todo está funcionando de xeito positivo. Son optimista de natureza, entón, tiña ganas de arriscar despois de facer formatos pequenos e está saíndo ben esa aposta.

-Ten moitas colaboracións como Kepa Junquera, Budiño...

-Toda esa xente que está aí colaborando son compañeiros de profesión cos que traballei nos últimos anos... É xente que me chamou para facer cousas, coincidín con Kepa (Junquera), con Budiño, con Barroso, con Pedro Lamas... Todos aportaron algo máis que a súa amizade: aportaron moito talento... Eu repensei moito os temas e que podían aportar...

-Di que repensou moito...

-Hai tres anos empecei a fornear este traballo. Dediquei un ano a facer a escolla de repertorio e, despois, con moita calma dediquei outros dous anos a facer a preprodución, a produción e a gravación do disco, así que é, podo arriscarme a dicir, o meu disco máis pensado e reflexivo. É un disco que tiña moitas ganas de facer e, sinceramente, creo que nunca me vou arrepentir del. Ao final é unha revisión de música tradicional, son discos un pouco atemporais...