De erros, erratas e simpáticas meteduras de pata

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

Dende o «Desván de los Monjes», pasando pola alimentación dos polos de granxa, ata unha ligazón que leva ao «viño de Cambados», os erros nas webs non son só divertidos

06 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os chineses teñen mapas actuais onde a Ferrol lle chaman, á vella usanza, El Ferrol del Caudillo. A Wikipedia non pon un topónimo galego (o único válido segundo a lexislación española) nin por equivocación: Piedrafita del Cebrero, Lage, Arteijo, El Grove, Orense... Jesús Pérez Varela, dinámico ex conselleiro de Cultura da Administración Fraga, referiuse en público á obra musical Carmina burana como unha cantante galega, cando en realidade é unha cantata do alemán Carl Orff.

O seu sucesor no cargo cando o Partido Popular volveu conseguir o poder falou hai un ano na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid de «Desván de los Monjes» por «Sobrado dos Monxes». As erratas e os erros son humanos, pero mentres uns proceden da falta de cultura e outros de sinxelas aínda que ocorrentes meteduras de pata debidas ás presas, hai un terceiro grupo que o compoñen os cometidos por profesionais que non se documentan.

Ese, e non outro, é o caso que acaba de protagonizar o Icex, que vén sendo nada menos que o Instituto de Comercio Exterior, un serio e poderoso organismo do Estado para apoiar iniciativas de venda a terceiros países. Nunha páxina web en inglés (www.foodsfromspain.com) presentada hai pouco en Nova York polo ministro responsable de Turismo, Miguel Sebastián, e o cociñeiro Ferran Adrià, dáse un repaso amplo a todas as comunidades de España.

De Galicia destaca o caldo como prato principal, mentres asegura que os polos son alimentados nas granxas con moito coidado e dándolles só produtos naturais, o cal sinxelamente é unha mentira.

O de menos é que de 93 chefs que referencia só inclúa a catro galegos, e para iso en realidade son tres, xa que coloca como tal a Xoán Torres, cando en realidade é o seu irmán Xosé, máis coñecido como Pepe Vieira.

Tamén os topónimos asombran: traducidos case todos ao inglés: Navarre, Catalonia. Á praia das Catedrais chámanlle Las Catedrales, e A Estación (restaurante de Cambre, A Coruña) aparece como A Estació (¿errata ou erro catalanizante?).

LIGAZÓNS DE INTERNET

O desastre queda tamén en evidencia nas ligazóns. Por exemplo, cando invita a picar en «Cambados» se pode pensar que, ao igual que pasa con O Grove, o visitante ira á páxina oficial de Turismo. Pois non, remite ao lector a un viño chamado como a vila pontevedresa, que por suposto non pincha nin corta nesa web. Na ligazón de Turgalicia mandan, en fin, a esta boa páxina oficial de recursos turísticos, pero na súa versión en galego, cando teñen entre outros idiomas o inglés.

¿Un conxunto de malentendidos? En absoluto. Unha chapuza.