«Compostela non é Las Vegas»

SANTIAGO

O profesor critica que os bens culturais se recuperen como negocio

06 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

¿Patrimonio ou herdanza? José Carlos Bermejo fala dunha perversión de termos. Mentres noutros países, como o Reino Unido, o conxunto de bens culturais é definido como heritage (herdanza), en galego fálase de patrimonio, un concepto que lembra á rendibilidade económica. Algo que semella ter enchoupado o xeito de xestionar o patrimonio artístico e cultural galego.

-Os especialistas non están moi conformes co xeito de xestionar os bens culturais galegos.

-Hai que ter unha visión de conxunto do problema que hai en Galicia. No século XIX, as nacións-estado de Europa decatáronse de que contaban co ricas coleccións de bens e comezaron a facerse catalogacións e listas para conservar e estudar o que eles chaman heritage, é dicir, herdanza. Desenvólvense leis porque é patrimonio da nación, porque é unha garantía de que esa nación existe.

-¿E en Galicia non se fixo?

-Ese proceso foi moi tardío e estivo mal desenvolvido, porque España era un Estado feble e pobre, polo que hai una desprotección absoluta dos bens de tipo cultural. Os primeiros que se preocuparon en Galicia polo patrimonio que existía no país foron os do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, creouse unha escola en Madrid para formar arquiveiros e bibliotecarios para que se dedicasen a conservar todas esas coleccións, pero non tiveron unha boa formación.

-Despois veu a guerra, a ditadura e logo a autonomía de Galicia.

-Aí comezou o proceso galego, despois de que chegase un señor que se chama Manuel Fraga, que decide apropiarse do pensamento nacionalista. Ten a parte boa de que se crean leis para protexer o patrimonio e a Administración é máis pequena e está máis preto, non en Madrid. Porén, créase unha perversión e no canto de pensar que se Galicia é unha nación hai que conservar o patrimonio, este é unha especie de tesouro para enriquecerse.

-¿Como a orientación cara ao turismo?

-Santiago non é La Vegas, no sentido de que Las Vegas é unha cidade artificial construída para atraer turistas e na que os arquitectos poden facer os experimentos que queiran, con pirámides e cousas así. Santiago, pola contra, é unha cidade que existe dende hai moitos séculos e só se lle da importancia a traer congresos e ao Xacobeo. O valor desta cidade non é encargar edificios a arquitectos estrela, senón os edificios antigos que temos e que son irrepetibles. O que se valora en Santiago é o que xa existe. O erro é mesturar arqueoloxía con turismo, como se a arqueoloxía fose unha ciencia auxiliar da hostalería.

-Logo a recuperación do patrimonio arqueolóxico nunca se debe orientar aos de fóra.

-Non. O patrimonio arqueolóxico conforma a identidade colectiva e os destinatarios son os galegos e logo, de xeito secundario, os turistas. ¿Ti pensas que unha persoa que vén, por exemplo, de Valladolid, vai ir ao medio do monte a mirar un petróglifo? Hai que favorecer a investigación interior e as políticas culturais dirixidas aos galegos e aos composteláns. Ademais é mentira que o turismo cultural dea cartos.

-¿E logo?

-Se a Santiago lle quitas a Xunta e a Universidade queda en nada, e os políticos só miran a cidade vella, convertida nunha cidade espectáculo e non coidan nin os sumidoiros da zona rural ou dos barrios.