Todo o ensino quere galegar

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

En directo | Correlingua superou os 3.000 participantes Nas rúas houbo atletas polo idioma de todas as idades, mesmo pequenos de infantil dun centro de A Estrada. O alumnado reclamou a igualdade co castelán

04 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?lumnado de 30 centros de Compostela, Val do Dubra, Boqueixón, Vedra, Brión, Rois, Trazo, Ordes, Padrón, Ames, Arzúa, Frades, A Estrada, Noia e Lousame, participou na Correlingua deste ano, que tiña como lema «Galegando!!!». Máis de 3.000 atletas polo idioma, moitos deles chegados a última hora e que, a pesar de non ter avisado á organización, non quixeron deixar de estar nesta festa lúdica e reivindicativa. Entre eles un aula de infantil do Pérez Viondi da Estrada. Estudantes de terceiro e cuarto da ESO de Viaño Pequeno gañaron o premio á iniciativa de maior novidade para a normalización. Portaban unha banda deseñada de Xaquín Marín e levaban nas costas cartaces que reclamaban a igualdade co castelán, e que se recoñeza o deber de coñecer o galego. Nesa idea insistía o manifesto elaborado por un grupo do centro de Ponte Carreira, que foi escollido vencedor dun concurso convocado entre todos os colexios galegos. O documento tamén foi lido no Obradoiro, e concluía con estas frases: «Porque entre o lume e a paixón o galego, nos galegos, vive no seu corazón! Porque Galiza é a nosa xente, o galego a nosa fala e por moito que nos digan... a nós ninguén nos cala... ninguén nos cala!». Numerosos docentes seguiron o acontecemento, que partiu por volta das 12,15 do Obradoiro e finalizou en redor das 13,45. Antes de principiar, e no fin de festa, houbo música do Xabarín Clube. Actuaron Os Tonechos, que asinaron numerosos autógrafos entre a mocidade que os coñecía polas súas televisivas actuacións. A relatora municipal de Educación, Elvira Cienfuegos; o profesor Xepe Torres en representación da CIG-Ensino; Fran Rei da Mesa pola Normalización Lingüística; e a técnica de normalización do Concello, Marta Besada, entregaron os premios. Tamén estivo Pilar Reino, como representante dos equipos de normalización lingüística dos centros. Foi o Correlingua con maior apoio institucional, pois alén do de varios departamentos da Xunta, contou co dos concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Rois.