A saga dasFernández de la Vega

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

Reportaxe | Jimena e Elisa foron as primeiras estudiantes da USC A vicepresidenta do Goberno e sobriña das pioneiras licenciadas compostelás en Medicina inaugura hoxe na zona vella un edificio adicado ás súas tías

01 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

De casta lle vén ao galgo. A vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, estará este mediodía en Compostela para honrar ás súas tías Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as primeiras mulleres que accederon á Universidade de Santiago, en 1919, para estudar e rematar con matrícula a carreira de Medicina. A vicepresidente da Goberno socialista asiste ás doce do mediodía á inauguración oficial da casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega, nome que lle deu a Universidade compostelá ao edificio da antiga Casa Simeón e actual vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, en homenaxe a estas dúas pioneiras universitarias. O pai da política española era irmán do das xemelgas Jimena e Elisa, Wenceslao Fernández de la Vega, médico en Vegadeo, raiando con Ribadeo, onde naceron as mozas. Pero a familia veuse para Galicia, onde o pai foi director do balneario de Guitiriz. Os vínculos con Galicia destas dúas mulleres non remataron coa carreira. Cando iniciaron Medicina había só catro anos que un real decreto permitira ás mulleres estudar na universidade en España. Pero non foron ben acollidas, sobre todo nas carreiras de ciencias. Ás irmáns Jimena e Elisa botounas da facultade un profesor de Anatomía ao que non lle parecía ben que viran un home espido, nin estando morto. Á volta de varias semanas os alumnos reaccionaron e foron buscalas para que volveran. O que tal fixo foi un mozo compostelán, Gumersindo Sánchez Guisande, que acabou casando con Elisa. Ela, seguindo ao seu home, tamén médico, foi profesora en Andalucía, e chegou a Zaragoza, onde o marido foi decano e ela faleceu con só 37 anos, cando a súa filla Elisa, a pequena de tres irmáns, tiña tres anos. A Guerra Civil, que empezou tres anos despois, obrigou ao seu viúvo, a exiliarse en Bos Aires. Este médico republicano formou parte da comunidade de intelectuais e políticos galegos no exilio. Asistiu a Castelao na enfermidade final e foi o encargado de embalsamar o seu cadáver coa axudado do seu fillo Wenceslao Sánchez-Guisande Fernández de la Vega. Jimena, que foi unha destacada investigadora no campo da xenética, nunca casou. Fixera a súa tese con Marañón e morreu con 90 anos.