A Alameda reúne en 320 fotos a traxedia humana de conflitos territoriais

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A Fundación Caixa Galicia trae a Santiago a exposición que organiza o Foro Revela O6 Son imaxes de 53 reporteiros en Palestina, Sahara, Irak, Congo, Sudán e Haití

15 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A Alameda converteuse ate o 30 deste mes nun espazo para a reflexión e a toma de conciencia sobre a dor, a morte e as penurias que conlevan as guerras que proliferan no mundo. O paseo central e os laterais acollen a exposición Territorios en conflito, una montaxe con 320 fotografías realizadas por fotoxornalistas internacionais en sete países que viviron e viven conflitos bélicos e traxedias desencadeadas ou acentuadas por esa razón. A exposición reúne os traballos presentados á segunda edición do Foro Internacional de Fotorreportaxe e Sociedade Revela 06, que organizada o Concello de Oleiros. A montaxe chega a Compostela, dende onde viaxará a outras cidades galegas, co patrocinio da Fundación Caixa Galicia. Son fotos desprovistas do filtro editorial, explicadas co pé de foto co que se publicaron. Os autores son un total de 53 fotoxornalistas ou reporteiros que traballan con axencias internacionais como Reuters, Cover, Panos Picture, Cosmos e Efe. As imaxes, de gran tamaño e colocadas en paneis de maneira que poden estar ao aire libre, resultan sobrecolledoras. Todas foron publicadas en medios de comunicación de todo o mundo, e a maioría delas resultan, desgraciadamente, familiares. Aínda así, os organizadores colocaron carteis ben visibles nos que advirten que algunhas imaxes poden ferir a sensibilidade das persoas. O certo é que esta iniciativa do concello de Oleiros, da que é director Xosé Abad, vai máis aló. A mostra é unha parte das actividades deste foro, que arranca dedicando cada edición ao tema que gañe a convocatoria dunha bolsa de produción, aberta a fotógrafos de todo o mundo que queiran presentar un proxecto inédito para denunciar situacións de violencia, desigualdade, perigo ou dano ecolóxico, marxinalidade ou calquera outra inxustiza. O gañador recibe 12.000 euros e dispón de dez meses para desenvolver a proposta, que sustenta a exposición na que convidan a participar a fotoxornalistas de todo o mundo. Este foro desenvolve, ademais, un amplo programa de debates, proxección e obradoiros con líderes de opinión internacionais, profesionais de medios de comunicación e axentes implicados nos temas a tratar, «co propósito de conseguir unha opinión pública con criterio para presionar contra estas problemáticas», como indicou Xosé Abad. Na Alameda compostelá aparecen traballos como o que trata da diáspora palestina, 30 fotos realizadas por Alfonso Moral, gañador da bolsa do 2005. Sobre Irak e o Sahara pódense ver as foros editadas para esta mostra pola axencia internacional Reuters. As de Irak son 81, feitas por 26 fotógrafos, algúns iraquís; e as do Sahara son 34, tomadas por sete reporteiros entre os que están Enrique Shore, Juan Medina, Gabriel Tizón, e Carlos de Andrés. Outra parte da montaxe son 36 imaxes do Congo, 35 de Sudán e 30 de Chechenia que fixeron dezanove fotógrafos, e que editou para Revela a axencia Panos, do Reino Unido. Tamén hai 30 fotos de Haití do galego Javier Teniente, premio Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria 2006. A mostra complétase con paneis que recollen os traballos de equipos de alumnos de cuarto da ESO de dous colexios sobre o tema do proxecto deste ano. As súas propostas sorprenden pola calidade das fotografías, pero sobre todo pola lectura que fan de conflitos territoriais que circunscriben a situacións de conflitos na realidade inmediata, abordados cunha gran sensibilidade formal e de contidos.