Entrevista | Mercedes Bugallo Esta representante laboral defende os intereses de pouco máis de 200 traballadores que se resisten á integración como persoal estatutario do Sergas
08 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? Xunta asumiu os hospitais de Conxo en 1993 e o volume de persoal laboral, o que representa o Comité de Empresa, descendeu sempre. Dos máis de catro mil empregados do complexo hospitalario a inmensa maioría teñen como referencia a Xunta de Persoal. Aínda así, Mercedes Bugallo afirma que a súa actividade sindical incide sobre numerosos asuntos. -A maioría, 104, pertencemos ao cadro de persoal do Psiquiátrico, e 95 ao hospital médico-cirúrxico de Conxo. Os restantes están nos outros centros. E hai persoal da Coruña e Ferrol que aínda depende de Santiago. -¿Como é iso? -Son postos que antes da integración dependían do Psiquiátrico. Na Coruña hai 3 auxiliares psiquiátricos e 1 traballadora social no hospital de Oza; e no Ferrol, 4 supervisores, 2 traballadores sociais e 1 auxiliar psiquiátrico do Novoa Santos. A situación para eles talvez teña máis inconvenientes que vantaxes. -¿Son moi diferentes os problemas do persoal laboral dos do resto? -En parte si que o son. O noso convenio está conxelado e só se aplican os aumentos salariais do IPC recoñecidos para os empregados públicos. Para outros asuntos houbo solucións, como a posibilidade de participar en acoplamentos para mudar de posto de traballo, pois nos dous últimos tivemos igualdade de condicións. Tamén se unificou o comité de saúde laboral, xa que non tiña sentido a separación cando os problemas de que se ocupa son semellantes para todos. -¿Non se pensan integrar? -Iso depende de situacións persoais. Algúns quizá non o fagan nunca, para conservar certas vantaxes que teñen por razóns de antigüidade. Hai un compromiso de abrir todos os anos un prazo para a integración voluntaria, que non se está producindo, e xa reivindicamos perante a actual dirección que se abra ese prazo anual. No caso de participarmos en concursos de traslados, a integración debe ser efectiva antes de tomar posesión no novo posto. -¿Que problemas ve nos hospitais da cidade? -O Psiquiátrico é o que peor se encontra. Hai un deterioro das instalacións e da finca, e unha falta de hixiene, que se ven ben á vista. É preciso reordenar toda a asistencia de saúde mental na área sanitaria de Santiago, e repensar o papel do Psiquiátrico, pois agora é centro de referencia provincial para doentes de longa e media estada e non resulta moi lóxico polas súas condicións. Hai que pensar que algunhas instalacións dixeron en 1978, hai case 30 anos, que eran provisorias, e aínda funcionan hoxe. -¿E o hospital médico-cirúrxico de Conxo? -Tamén está moi deteriorado, mesmo hai instalacións en que hai pouco se recollían goteiras con cubos, como denunciou o comité de saúde laboral. Os dos centros de Conxo precisan de obras con urxencia. Quereríamos que non houbese hospitais de primeira e de segunda, como se prometeu; e a sensación é que os investimentos continúan centrados no Clínico, e o resto permanece esquecido.