Entrevista | Ângelo Brea Este volume inicia un proxecto que contempla tres novos libros, todos con 91 poemas, como homenaxe a Pondal, a Horacio e a Petrarca, afirma o autor
04 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.En 1989 publicou Livro do Caminho , tamén con presenza marcante da sua Compostela natal. Este novo traballo, de 140 páxinas, editado por Espiral Maior, foi elaborado «entre 1994 e o 2005» e consta de 91 poemas, que aparecen «por orde cronolóxica», segundo explica; alén dun «Prelúdio» e un «Glossário», contributo de Antonio Gil Hernández. -A clasificación cronolóxica, en lugar de por temas, permite ver mellor a evolución da propia poesía. É un libro unitario e desde o primeiro momento sabía que ían ser 91 poemas, en homenaxe a Pondal, que nos Queixumes dos Pinos tamén fixo esa cifra. A relación con Pondal está en que tamén investiguei a literatura e a mitoloxía irlandesas, ou no paisaxismo. -Non obstante, este poemario é moi de Compostela. -Utilicei Compostela como núcleo temático central. Santiago é un tema recorrente na miña poesía, considero que é un elemento simbólico. Aínda que nos poemas tamén hai paisaxes da Costa da Morte ou dos Ancares; e poesía social, o problema da construcción da patria e da lingua. Pondal procuraba unha lingua depurada, e eu tamén o tentei, en especial no léxico. E merece destaque o poema que dedico a Jenaro Marinhas, de cando a súa morte. -Sorprende o rigor formal: a medida, a rima... -O que máis me interesou foi que cada verso tivese o seu ritmo ben marcado. Hai decasílabos galego-portugueses, alexandrinos, e ás veces hexasílabos con hendecasílabos combinados, para lle dar maior carga clásica, culta; e acentos correctos. Tamén busquei nas fontes da literatura galego-portuguesa e provenzal sistemas métricos novedosos; fixen mesmo unha sextina. E tentei adaptar algunhas estrofas clásicas á nosa métrica, para demostrar que é posíbel por máis que se teña dito o contrario, como fixeron Byron, Goethe, Hölderin e outros en diferentes literaturas. O máis laborioso foi adaptar o hexámetro greco-latino, tardei moitos meses, e penso que no último poema do libro esta conseguido. -¿Terá continuidade este poemario? -Este é o primeiro libro dun proxecto de catro, o que é unha homenaxe a Horacio. Cada un terá 91 poemas, máis unha introducción, para facer unha homenaxe a Petrarca polos 365 poemas do seu Cancioneiro, de onde utilizo varios esquemas métricos. Manterá o título en todos eles. Supoño que tardarei uns vinte anos en finalizar. Xa comecei a segunda parte, que espero estará pronta en cinco ou seis anos. -¿Por que utiliza o portugués na escrita? -Porque, alén de dar un gran rigor técnico e métrico, formalmente quixen utilizar a lingua máis depurada. E o galego-portugués máis depurado é o portugués actual. Defendo a tese da reintegración lingüística do profesor Carvalho Calero. -¿Como explica o título? - O País dos nevoeiros é como defino eu, simbolicamente, á Galiza.