O FIADEIRO | O |
27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ENTRE OUTROS, Xan Fraga en Carballo, os IES de Negreira e Santa Comba e agora tamén o libro Concello de Oroso. Guía histórica en imaxes (2004) , de Manuel Pazos Gómez e Daniel Pereiro López. A fotografía como testemuño da vida, como notario do tempo nesa comarca, en 221 páxinas. Estase convertendo nunha práctica moi recomendable esta de recoller as imaxes das nosas aldeas e vilas, captadas polas cámaras fotográficas. Ten isto un importante valor etnográfico, cultural, educativo, de recuperación da memoria. No caso deste libro de Oroso, detrás dunha capa cunha foto de Sigüeiro nos anos setenta, vén a presentación dos autores: «O obxectivo principal deste libro é tentar recuperar o que nos une, o que temos en común, o que todos compartimos (...)». Non esquecen agradecementos ós veciños, colaboradores directos e ó alcalde orosán, Manuel Mirás, quen fixeron posible a edición. Como adro, un achegamento á historia local e ó labor de seis fotógrafos. E despois, esta terra en imaxes en branco e negro, parroquia a parroquia. Pazos e Pereiro comezan pola capitalidade municipal, a máis retratada, e chegan ata Vilarromariz. É esta guía un exemplo de obra en común, entre o Concello de Oroso e a Asociación Cultural Obradoiro da Historia.