Fonseca

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

02 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

COINCIDINDO COA caída da folla arribarán a Compostela fatos de estudantes que de novo encherán as rúas de mocedade e, con eles, volverán os libros, a algarabía e as protestas do veciños queixándose por non pegar ollo. Nada disto acontecería se o terceiro da saga dos Fonseca que nos gobernou, desde a sede toledana, non dispuxese no seu testamento, por el bien de la ciudad de Santiago y del Reino de Galicia, ceder o solar familiar dos Ulloa (no que nacera en 1475) para construír un recinto universitario «donde los moradores e naturales de dicho Reyno especialmente de la dicha ciudad y arçobispado de Santiago pudiesen estudiar, apreender y ser enseñados en Gramática y otras facultades¿». Nese documento renunciaba, por conducto do seu curmán Lope Sánchez de Ulloa e ante o papa Clemente VII, ós moitos beneficios que tiña en encomenda para adicalos á obra e culminaba con este grande mecenato toda unha serie de melloras na súa cidade natal, entre as que destaca o claustro novo da catedral. Hai que ter en conta que estamos diante dunha figura de rexo carácter, como todos os da súa familia, que no seu breve paso por Compostela se enfrentou ó Cabido, ó Concello, ós monxes de San Martiño Pinario e, especialmente, a Diego Muros, de paso que se carteaba con Erasmo, á quen lle tiña concedida unha pensión anual de douscentos ducados de ouro (o de Rotterdam correspondeu dedicándolle a súa edición das obras de San Agostiño). Mágoa que non chegasen a coñecérense pois o grande pensador holandés, ante a invitación do cardeal Cisneros en 1517, respostou cun «non placet Hispania», negativa que mantivo ata o día da súa morte acaecida en Basilea o once de xullo de 1536. Pero falabamos do colexio. Non é que con anterioridade os composteláns foramos analfabetos pois contabamos co Estudio fundado por Lope Gómez de Marzoa e Diego de Muros que quedou pequeno, de aí a idea de construír un edificio para as cátedras de Gramática, Teoloxía e outras artes. As obras comezaron arredor de 1529. As trazas foron encargadas ó arquitecto Juan de Álava, tracista do claustro da catedral, que o proxecta seguindo a tipoloxía das universidades da época (edificio cun patio central ó que se abren as distintas dependencias), encargándose de levalas a cabo os mestres Alonso de Guntín e Jácome García. O 17 de outubro de 1532, Guntín asinou en Alcalá de Henares un contrato pormenorizado de toda a obra obrigándose a seguir o marcado por Álava e Alonso de Covarrubias. As pedras fóronas buscar ó Monte Pedroso e ás terras da Ameixenda. Loxicamente, nesta empresa de tan grande envergadura interviron moitas mans, pero a min gústame destacar entre todas as da prateira María de Castro, quen ó enviuvar de Domingo González de Trabada seguiu ó frente do obradoiro. Da súa autoría son os candelabros da capela do colexio. Os que agora pasades por diante e admirades a fachada sabede que tódalas figuras tiñan rostros, pés e mans encarnados e as vestiduras douradas con ouro fino, un labor de Juan González que lle reportou 46 ducados de ouro de a 365 maravedís o ducado. Non foi, con ser moito, a creación da universidade o único beneficio que don Alonso fixo á cidade. Tamén a liberou da paga de rendas e alcabalas a El Rei e por iso, o Concello e os testamentarios do arcebispo instituíron o 9 de novembro de 1536 a festa do Colexio, a celebrar o martes de Pascua con solemnísima procesión ata o mesmo, onde se oficiaba misa e función. A maiores acordaron que o Coquín, aquel personaxe que pola noite andaba coa campaíña solicitando rezos polas ánimas do Purgatorio, dixese que especialmente «tengan memoria del anima del Illmo. Sr. arçobispo don alonso de fonseca por la merced que dexo a esta ciudad». aldonzadepraterias@yahoo.es