O FIADEIRO | O |
25 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.XOSÉ GUZMÁN Ons debería estar aprendéndolle a tocar a guitarra aos nenos e á mocidade barcalesa. E dando concertos con asiduidade polo país adiante. É un mestre no oficio: na composición, na interpretación, ben formado con músicos relevantes. Coñézoo dende sempre. Cando era pequeno téñoo visto anunciado nos carteis do Festival do Nadal, naquel desaparecido cine Gran Vía de Negreira. Entón anunciábano como Xosé Guzmán, manos brujas . Con 12 anos funlle mostrar a miña primeira guitarra, á Cachurra, que me mercara meu pai en Santiago. Axudoume a colocar os dedos, coas posturas para os acordes e os arpexos. De algo me valeu. Nunca deixou a aperta cotiá á guitarra este home tímido. É solteiro, pero uniuse dende noviño con paixón a este instrumento, enchendo as súas soidades cos ensaios e os -poucos- concertos que ofrece. Escoitámolo outra vez na Semana Xulián Magariños, e non nos defraudou. Encantáronme os preludios mexicanos de M. Ponce, os sons de carrilhoes brasileiros, Alfonsina y el mar e a súa canción orixinal.