Ordes educa na tolerancia

Ramón Vilar ORDES

SANTIAGO

Reportaxe | Xornadas sobre inmigración Cada vez son máis os alumnos estranxeiros matriculados nos centros ordenses, o que fai máis necesario combatir a xenofobia

13 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe clausúrase no IES número un de Ordes a exposición fotográfica Mira cos mesmos ollos , feita polo Foro da Emigración de Santiago. A mostra, que conxuga fotos en branco e negro con textos de autores coma Curros, Celso Emilio, Saramago ou Eduardo Galeano, foi o eixo central dunha campaña en prol da tolerancia e contra a xenofobia. O municipio de Ordes conta cunha importante poboación de inmigrantes. O número de cidadáns estranxeiros residentes leva aumentando progresivamente dende a segunda metade da década pasada. Na actualidade, o padrón local conta con máis de setecentos veciños procedentes de diversos países. Unha das profesoras do centro ordense, Maka Arca, explicou que estas actividades pretenden chamar á reflexión a unha comunidade escolar que está a acoller a moitos dos fillos de estes inmigrantes. Mediante estes actos preténdese que os rapaces coñezan as razóns da emigración: «Queremos que saiban que os emigrantes deixan a súa terra por múltiples razóns, como pode ser buscar un futuro mellor, fuxir de guerras ou razóns políticas. A pregunta é como tratar aos emigrantes que veñen para aquí; de aí vén o título da exposición» subliña Arca. Estas xornadas en prol da integración contaron tamén coa presenza Víctor Omgbá, xornalista de La Voz, de orixe guineano. Omgbá falou sobre a súa novela Calella sen saída , unha obra na que se fai unha crónica da vida dos inmigrantes africanos en España. Aínda que dende o IES número un aseguran que non existen problemas serios de integración para os nenos procedentes do estranxeiro, cren que se precisan campañas que axuden a entender a realidade e os problemas da inmigración para previr posibles problemas nun futuro. Neste curso hai rapaces de Arxentina, República Dominicana, Colombia e Perú sentados nos pupitres de secundaria ordenses. O camiño para a integración sempre ten os seus obstáculos, ás veces difíciles de apreciar a simple vista. Así, sábese da historia de dúas nenas de orixe sudamericana que, a pesares de levar tempo vivindo en Ordes, aínda nunca tiveron visitas de compañeiros na súa propia casa. A integración tamén depende destas aparentes miudezas diarias.