O FIADEIRO
17 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.BOIRO, Ribeira, Muros e agora Corcubión son os lugares onde chantaron e chantan as súas tendas os Campamentos do Val de Barcala. A súa historia heroica, despois doutras experiencias parroquiais anteriores nas praias de Cabío e O Grove, encetou nun piñeiral de Mañóns (Abanqueiro) no xa lonxincuo ano 1975. Dende aí e ata mediada a década dos oitenta, participei moi directamente desta aventura apaixonante; primeiro como neno e axiña como monitor. Xa naquel entón publiquei varias crónicas e reportaxes xuvenís referidas ás nosas andanzas en La Voz de Galicia. A experiencia e a riqueza da vida de verán nos campamentos barcaleses resulta moi educativa e inesquecible. Este movemento autónomo, pulado inicialmente polas comunidades parroquiais, e arestora polos concellos da Baña e Negreira, tiña (¿terán aínda?) como slogans as frases Aprender xogando e Tras un mundo novo. Abríase así un xeito de entendermos unha vivencia comunitaria, galeguista e solidaria. Os campamentos non eran só colonias na praia, senón unha escola viva, estival e lúdica, con valores sans. Lecer formativo. Pensei en todo isto agora, cando se apuntou este ano no campamento a nosa filla. Vaino pasar guai. Seguro.