Os enxeñeiros en informática galegos seguirán no órgano de decisión do consello xeral catro anos máis

La Voz REDACCIÓN

OCIO@

Elixida a nova Xunta de Goberno do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática, na que se integran tres membros do CPEIG

31 ago 2015 . Actualizado a las 19:02 h.

O Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática (CCII nas súas siglas en castelán) celebrou o pasado sábado, 29 de agosto, en Madrid unha asemblea extraordinaria na que, entre outros puntos, tratou a elección da nova Xunta de Goberno. A publicación o 11 de xullo no BOE dos estatutos definitivos do CCII fixo necesario a convocatoria das eleccións, malia que os últimos comicios tiveron lugar aínda no 2014.

O 29 de agosto presentouse unha candidatura conxunta para a elección dos membros da Xunta de Goberno, de xeito que este órgano seguirá liderado por Juan Pablo Peñarrubia como presidente. Peñarrubia, quen repite no cargo, contará coa axuda de tres representantes galegos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG): como vicepresidente primeiro recunca o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo; como vocal suplente primeiro actuará Juan Otero Pombo, actual vicepresidente do colexio galego; e como vocal suplente cuarto, Juan José González, secretario do CPEIG.

O presidente do colexio galego e vicepresidente primeiro do CCII, Fernando Suárez Lorenzo, considera de especial relevancia a forte presenza galega na Xunta de Goberno do consello. Na súa opinión, «trátase da visibilización de que as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática galegos contamos, e moito, no conxunto de España, e que o traballo do noso colexio -en relación á reivindicación de melloras para a nosa profesión e de achegamento á sociedade- é recoñecido polos nosos colegas do resto do país».