iPhone: chámannos do futuro

Tucho Neto

OCIO@

Apple lánzase a unha aventura que cambiará o uso que se fai dos teléfonos móbiles

09 jul 2007 . Actualizado a las 16:33 h.

Calquera que estea a ler isto pode clasificarse nun dos dous grupos seguintes: os que vivisen os últimos seis meses totalmente incomunicados, sen recibir noticias do mundo ou os que xa saiban de que falamos ao nomear o iPhone. Máis de vinte anos despois de ter creado (ou popularizado) cousas tan familiares para os usuarios de ordenadores como o rato ou o contorno gráfico de traballo, Apple lánzase a unha aventura que pode que cambie o uso que facemos dos teléfonos móbiles a partir de agora. Manexo doado e deseño rechamante A empresa ten unha traxectoria recoñecida cando se trata de adaptar elementos de distintas procedencias e destilar da unión de todos eles un produto sorprendente, agradable á vista e tan sinxelo de usar que nos deixa a todos rascándonos a cabeza e pensando como pode ser que non se lle ocorrese antes a alguén. Fixérono co uso do rato e da interface gráfica de usuario co primeiro Macintosh. Para os que non o lembren, ata entón usar un ordenador consistía en ir escribindo comandos nunha pantalla negra. Hoxe, todos os que usamos un ordenador manexamos unha versión máis ou menos refinada dese primeiro modelo: vemos representacións de distintos tipos de arquivos nun espazo, e interactuamos con eles cun punteiro guiado por un rato. Música, mestre Pero non se quedaron aí. Hai pouco máis de cinco anos deron o bombazo ao sacar á venda o iPod. O éxito foi tal que venderon máis de cen millóns de aparellos e conseguiron que o nome se recoñeza en todo o mundo. Un disco duro, unha pantalla para ver os títulos das cancións e un chip para descomprimir a música, iso era todo, pero empaquetado con estilo e, sobre todo, tan sinxelo de manexar que calquera que se poña os cascos e se pase tres minutos usándoo xa sabe como facer todo o necesario para escoitar música. Vaia, pois agora se lanzan a polos teléfonos móbiles. Non é de estrañar, vendo que no mundo desenvolvido hai unha media dun móbil por persoa, moitos máis que ordenadores e iPods, por suposto. Un móbil cun só botón E igual que nos casos anteriores, os cambios comezan polo deseño. O iPhone ten un só botón, debaixo dunha pantalla de 480 píxeles por 320 que, ademais, é táctil. Iso quere dicir que, dependendo do que esteamos a facer, unha parte da pantalla pódese converter no botón que necesitemos nese momento. Igual que sucede nas barras de ferramentas dos nosos programas de escritorio, que cambian segundo esteamos a usar un procesador de textos, un programa de correo ou un navegador web. A diferenza é que, neste caso, o punteiro non o move un rato, senón que usamos un dedo. Como se no teléfono que temos agora se puidese reconfigurar o teclado para escribir un SMS ou unha nota de texto, e entón cambiásese outra vez para marcar un número, e entón para sacar unha foto, gravar un vídeo ou ler o noso correo. Cunha superficie de pantalla que é á vez teclado, os deseñadores de Apple pódense lucir e propor unha interface gráfica que quita o salouco, e que fai que calquera das funcións do teléfono pareza sinxela. Algo máis que facer chamadas Porque o teléfono, como non podía ser menos, serve para algo máis que para facer e recibir chamadas. Tamén é un iPod: existen versións de catro e oito xigas aínda que, ollo, o sistema operativo do teléfono ocupa case 700 megas, polo que se di nalgunhas reseñas, e a isto hai que sumar o espazo que utilicemos para os nosos datos: fotos, correos, etcétera. Pero non un iPod de primeira xeración: un iPod que pode mostrar vídeo en pantalla «panorámica». E poñemos panorámica entre comiñas porque aínda que a proporción se achega ao adxectivo, non se pode dicir o mesmo do tamaño. Ollo de novo: ten que caber no peto?.. Internet no peto Ademais das funcións de iPod, ten un navegador completo (Safari), aínda que parece ser que de momento non soporta flash, e un xestor de correo electrónico. O navegador é o máis interesante, porque á parte do que veñen cos teléfonos, desenvolvidos polos seus fabricantes, e algún que outro intento honroso por parte dalgúns desenvolvedores (OperaMini), a verdade é que a experiencia de navegar pola rede nun móbil é bastante frustrante. O iPhone, polo que vemos, mostra primeiro a páxina completa e permítenos (co dedo) escoller a zona que queremos ler ou o enlace que queremos pulsar. A última versión beta de Opera para móbiles (Versión 4) que está dispoñible, mira ti, dende dez días antes que o teléfono de Apple, tamén funciona así, aínda que a través do teclado. Google maps, YouTube e máis Ademais destas funcións básicas leva calculadora, reloxo, calendario, unha aplicación para ver os mapas de Google, outra para ver os vídeos de YouTube e distintos widgets que nos permiten seguir a bolsa, o tempo, un xestor de fotos e unha cámara de dous megapíxeles. Todo aderezado con animacións vistosas e sensores que cambian a orientación da pantalla segundo coloquemos o teléfono. Usarémolo todos, aínda que sexa de rebote Vaia, que máis que un teléfono, un iPod ou unha internet tablet é un ordenador de peto. Aínda que non chegará a Europa ata fin de ano e só leva uns días á venda en EE. UU., xa está a xerar máis noticias que moitas outras novidades tecnolóxicas. É verdade que non será barato (ningún teléfono de gama alta o é), pero aínda que non nos merquemos nunca un iPhone seguro que algunha das ideas innovadoras que vemos agora por primeira vez aparecerá no noso peto, no teléfono xenérico que nos deron «cos puntos» antes do que cremos.