Facer música co PC

TUCHO NETO A CORUÑA

OCIO@

A potencia dos novos ordenadores permite facer na casa traballos case que profesionais.

21 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha das primeiras cousas nas que se notou a chegada dos ordenadores persoais ás casas de moitas familias foi na forma na que os rapaces e rapazas en idade escolar entregaban os traballos: en lugar de follas nas que se rectificara con corrector, cun título conciso na primeira páxina e en ocasións algunha das letras trementes porque a máquina de escribir tiña frouxa unha tecla, de súpeto os traballos comezaron a ter unha presentación moito máis limpa e mesmo profesional. Coa chegada dalgúns programas de paxinación e maquetación, e coa evolución dos procesadores de texto, que cada vez se van facendo máis versátiles e completos, preparar un documento de aspecto impecable ?con distintas tipografías para títulos e notas a pé de páxina, citas en cursiva, páxinas numeradas, etcétera? converteuse en algo que calquera podía facer na súa casa cuns coñecementos adquiridos nun par de horas. O «chip» da imaxinación E dando renda solta á imaxinación deseñábanse invitacións a festas, felicitacións de Nadal, calendarios, sobres, horarios de clase ou carteis. Cousas que só uns anos antes requirían máquinas ao alcance duns poucos e anos de formación e experiencia estaban ao alcance de calquera cun ordenador e un momento que perder facendo probas. E o que comezou co manexo de textos e espazos na páxina, a medida que os ordenadores se van facendo máis potentes vai alcanzando outros traballos que necesitan máis memoria e procesadores máis rápidos. O seguinte foi o retoque fotográfico, e agora parece que xa estamos listos para facer o mesmo coa música. E é que se a todos nos gusta entregar un documento limpo e ordenado, ou poder retocar esa foto da que queremos borrar ao peón que pasaba por alí e estábanos convidando á festa, outra das afeccións que está cambiado grazas á tecnoloxía é a música. Para os que teñen a sorte de ter algo de oído e unha mínima destreza para tocar algún instrumento musical, non hai nada máis satisfactorio que dedicar un momento a tocar cos amigos ou a ensaiar algunha das súas cancións preferidas. Bo, pois grazas a unha nova fornada de programas que xa están dispoñibles, podemos gravar as nosas cancións como nun estudo profesional, rectificar esa pasaxe que nunca nos sae ben, escoitalo, volver tentalo, cortar, pegar, repetir ou borrar o timbre do teléfono que nos esquecemos de desconectar e que soou en medio do retrouso. Estes programas funcionan como unha mesa de gravación multipista, na que podemos superpoñer diferentes capas de son independentes. Algunhas delas podemos gravalas directamente cun instrumento real, como unha guitarra eléctrica que conectamos á tarxeta de son, ou un tambor e un micrófono. Outros instrumentos son virtuais e na maioría dos casos os básicos veñen xa cargados no programa, de maneira que se queremos engadir unha sección de corda non necesitamos convidar a merendar a seis amigos que saiban tocar o violín, senón que podemos colocala directamente co rato ou un instrumento MIDI. E por suposto, o noso amigo, o que ten a batería no soto da súa casa pode mandarnos a pista de percusión por correo, nós engadimos a guitarra e reenviámolo ao seguinte, para que grave a harmónica, a frauta ou a pandeireta. Para ter un grupo de rock non fai falta nin sequera ter un local: cun par de cables e un sitio no que enchufar o ordenador xa é suficiente. É verdade que este tipo de programas levan décadas existindo, e que moitos músicos profesionais non poden xa concibir o seu traballo sen eles, pero parece que desde hai uns meses as opcións domésticas; ou sexa, baratas e sinxelas de usar están a proliferar. Para quen queira probar, nas liñas seguintes van algunhas opcións. Opcións baratas e sinxelas Os usuarios de Apple sempre tiveron sorte se querían dedicarse á música: os Macintosh traen de serie boas tarxetas de son desde hai décadas, e algúns dos programas de uso profesional desenvolvéronse para esta plataforma. Hai uns meses esta empresa incorporou unha ferramenta que permite dispoñer dun estudo caseiro no ordenador, e o inclúe de xeito gratuíto en todos os seus modelos. Chámase GarageBand e ten todas as calidades ás que nos ten acostumados a marca da mazá: sinxeleza de manexo, elegancia e diversión dende o primeiro minuto de uso. Pero iso non quere dicir que os usuarios de Windows non poidan facer o mesmo. Algunhas das opcións que teñen son xa clásicas, como FruityLoops ou Cubase. Como sempre, os que ofrecen calidade profesional son caros e en ocasións moi complicados de usar, porque ofrecen centos de posibilidades á hora de traballar, pero iso non quere dicir que non haxa opcións máis baratas, pensadas para os que queren comezar. Tamén se poden encontrar algúns de fonte aberta (open source) ou que se distribúen seguindo o modelo shareware. Igual que coa chegada dos programas de paxinación e maquetación vimos unha explosión de revistas e publicacións afeccionadas, pode que coa chegada destas ferramentas baratas e sinxelas, e coa posibilidade de distribución de música que permite a rede esteamos a punto de ver unha explosión de gravacións domésticas de todo tipo: dende cancións folclóricas recollidas nos lugares máis remotos ata experimentos realizados polos alumnos máis inquedos do conservatorio da nosa cidade. A nosa primeira vez coa guitarra ou o acordeón rescatados do faiado.