Uxía rodease de grandes amigos en Pontevedra para dar a benvida ao Culturgal
PONTEVEDRA
«Queremos que sexa unha festa, unha benvida e unha declaración de intencións, que o Culturgal é un espazo onde nos xuntamos para vivir a cultura, para compartila e para reivindicar o seu papel fundamental na nosa sociedade», sinalou
25 nov 2025 . Actualizado a las 19:27 h.«Xa está aquí o Culturgal». Con estas palabras o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, deu este luns a benvida a unha nova edición da feira das industrias culturais que se desenvolverá esta fina de semana no Pazo da Cultura e que terá como prolegómenos, por primeira vez, un concerto este xoves. Deste xeito, Uxía recalará na cidade do Lérez coa súa xira Será por flores a partires das 21 horas.
Con entradas de balde até completar a cabida, será un concerto especial, «único nesta xira», xa que Uxía rodearase dunha serie de convidadas, engadiu o edil.
A este respecto, a propia Uxía Senlle recoñeceu que Pontevedra «é unha boa vila, que sempre me acolleu marabillosamente e teño lembranzas aquí de moitos anos, facendo o proxecto Cantos na Maré e agora esta celebración especialísima, que servirá un pouco como concerto inaugural do Culturgal. E esta celebración dos 40 anos pretende ser un percorrido por aquelas cancións máis emblemáticas do meu repertorio e como nunca me gusta facer as cousas soas, sempre estou en boa compaña, pois tamén teño convidadas moi especiais».
Acompañada por unha banda dirixida por Pablo Novoa, «que se sumou a esta festa», e na que estarán Sergio Tanos, Isaac Palacín ou Santi Criveiro e coa escenografía de Carlos Alonso e a dirección escénica de Uxía Pedreira e de Marina Ural. «Por certo, A Pedreira estará tamén con Faia e con Felisa nunha noite especialísima de mulleres, que creo que imos gañando espazo na música», precisou Uxía Senlle.
Neste punto, matizou que Será por Flores naceu «coa montade de celebrar e de compartir», polo que terá como convidadas a De Vacas, Antía Muíño, o portugués João Afonso, As Mosas e Raquel Domínguez. «Queremos que se sexa unha festa, unha benvida e unha declaración de intencións, que o Culturgal é un espazo onde nos xuntamos para vivir a cultura, para compartila e para reivindicar o seu papel fundamental na nosa sociedade», concluíu.
«Empezar ao grande»
Este espectáculo, en palabras de Camilo Franco, director de Culturgal, «permítenos empezar este ano ao grande, que nos permite sumar á programación extensa de Culturgal a Uxía e demostrar que o Culturgal tamén está pola música, que nos encanta a música e que este ano, grazas a Uxía, temos tamén quizais a programación musical máis grande, creo que das máis interesantes das que tivo nunca o Culturgal».