Ao longo da fin de semana, a programación de Nadal volta con forza á comarca de Pontevedra, de tal xeito que no caso da cidade do Lérez «o prato forte é o comezo do programa de Merca no barrio» que pretende dinamizar as compras nos seus barrios e rúas.
Así, este sábado, 16 de decembro, a programación contempla, entre as 16.30 e as 20.30 horas, as propostas Minichef: Boneco de neve con lambetadas e un obradoiro de manualidades para facer unha bota de Papá Noel de madeira nas galerías de Frei Xoán de Navarrete. A partires das 17.30 horas, a praza de Curros Enríquez acollerá obradoiros, música e animación de rúa, mentres que dende as 19 horas A Ferraría acollerá o espectáculo Sons de Nadal.
O Pazo da Cultura ofrece Conto de Nadal (19.30 h.), concerto da Orquestra xove da Sinfónica de Pontevedra e da Xove Orquestra Terra nova de Lugo con entrada de balde. As 20 horas, Os sons de Nadal trasladaranse á praza de España.
En Sanxenxo, o Bosque de Nadal de Noalla acollerá o Pequeno Circo de Nadal (18 h.), mentres que en Bueu, a partires das 17 horas, a piscina municipal será escenario do mergullo solidario Ningún neno sen xoguete. Sen saír deste concello, a igrexa de Cela programou un Concerto de Nadal (18.30 h.) e o Centro Social do Mar o concerto Xa chega o Nadal (19.30 h.).
En Marín, ás 17 horas arrancará na Alameda o minimercado de Nadal, media hora despois desenvolverase unha chocolatada solidaria e ás 18.30 horas os bailes das Zumbis. Pola súa banda, o Multiusos acolle, ás 18.30 hoas, o Teatro Verbas que organiza a Asociación Kalos.
No caso de Caldas, programouse unha Papanoelada solidaria coa peña moteira Os Keimaos, e en Poio, dende as 11.30 horas, pasarrúas coa batuka Canecos e, a partires das 12.30 horas a Fedelleneta do Nadal recalará na Aldea das Palleiras, en Combarro. En Cerdedo-Cotobade hai actividades durante todo o día.