Suso Vaamonde, o gaiteiro con nome propio obrigado a aclarar quen é seu pai
PONTEVEDRA
O seu nome e primeiro apelido danlle para mil anécdotas porque sempre hai quen cre que é fillo do falecido cantautor. El vén dun Suso, pero non do famoso. E, ademais, é un virtuoso do instrumento insigne do país
08 feb 2023 . Actualizado a las 11:15 h.Se o mundo fora unha muiñeira, Suso Vaamonde (Visantoña, Mesía, 1970) sería o rei. Porque este home non ten ningunha dúbida da palabra que o define da cima ao fondo, por arriba e por abaixo e de dentro para fora de seu ser e viceversa: el é un gaiteiro. Sen peros nin engadidos; gaiteiro. Aínda que o crecente gusto da xente por aprender a tocar a zanfoña ou o acordeón lle fagan cambiar de instrumento de cando en vez para impartir as súas clases. Suso, que ía para clásico —estudou e titulou en Filoloxía Clásica en Compostela—, deu en músico do país e leva xa media vida no choio. Foi ata funcionario da gaita. Pero, como el di, fixo unha cousa «que debe ser de psicólogo ou de internamento», e deixou o posto para ser autónomo... da gaita. E ata que se poida. Ou, como el tamén sinala dende a súa vila de acollida, Cuntis, «ata que a conciencia diga que hai que parar dunha vez por todas».
Suso naceu na casa labrega dos seus avós, en Visantoña. Pero cando era cativo o seu pai atopou traballo en A Coruña e alá foi toda a familia, a facer barrio nos Maios. Aos doce anos, estreouse dándolle lume ao fol da gaita e tocando a mandolina nunha rondalla. Non había volta atrás: «Gustoume xa daquela o da música», sinala con emoción.
Marchou a Compostela facer Filoloxía Clásica aínda que tiña claro que non quería ser profesor porque non comulgaba co método co que se ensinaban o latín e o grego, pero convencido de que tiña que estudar algo que lle gustara. Alí, amén de gozar coa carreira, xa comezou a facerse ver no mundo da música do país. Xarandaina ou Aturuxo foron dous dos seus grupos. Cando estaba en cuarto, pasoulle algo que calquera pai maldiciría. Fixéronlle un ofrecemento que precipitou que deixara os estudos a medias —aínda que despois os retomou— para lanzarse ao escenario: «Ofrecéronme ser musico no ballet galego Rei de Viana. E como era só por un ano dixen que si. O conto é que me quedei 19 anos seguidos», di, botando unha boa gargallada. Chegou a ser, da man desa agrupación e das que viñeron tras ela, como o Centro Coreográfico Galego, funcionario da gaita, unha rareza de músico con soldo fixo a fin de mes.
Recoñece que foron anos bonitos, que aprendeu moito. Conta con emoción o que lle ocorreu no 1992. Mentres en Barcelona se prendía a chama olímpica, el viviu a súa propia olimpiada en Ferrol. Gañou o premio ao mellor solista gaiteiro no emblemático concurso Constantino Bellón e iso abriulle moitas portas: «Non é o mesmo tocar ben, que que a xente o saiba e cho recoñeza. Aí puiden empezar a compoñer pezas e a tocar moito», di. Estudou o grao profesional do conservatorio en Vigo, coa singularidade de que ás veces se examinaba de pezas que el mesmo compuxera. E, chegado o 2013 e con 43 anos no lombo, decidiu virar a vida nun deses xiros que só é quen de dar o que sabe que o mellor sempre é o que está por vir: renunciou ao posto de músico funcionario para facerse autónomo da gaita e dar clases en asociacións, concellos e colectivos varios. «É certo que os concertos son moi bonitos. Pero ese subidón de ver aí ao público é moi curto. A docencia depara unha satisfacción moito máis grande, moito máis duradeira. Vaste dando conta de que para que todo funcione na música, para que haxa quen vaia aos concertos e se fagan ten que haber alumnos aos que lle guste tocar. Que aí empeza todo».
Nunca lle faltou traballo. É máis, a súa axenda soe estar repleta de clases de gaita, acordeón ou zanfoña, ben sexa en aulas universitarias ou en colectivos culturais. Dado que entende a música como un xeito de vida e non só como unha profesión, tampouco renuncia a proxectos que o volven subir ao escenario. Fíxoo este Nadal, cando no concerto de Aninovo acompañou á Orquestra Sinfónica de Pontevedra. Ou nun episodio que quedou gravado para sempre nun cachiño do seu corazón: «Se teño que quedar cun momento significativo como músico elixo a toma de posesión de Touriño como presidente da Xunta. Viñamos daqueles actos de Fraga con cinco mil gaiteiros. E pasamos soamente a que tocara un. Interpretar en solitario o Himno do Antigo Reino de Galicia con doce mil persoas escoitando na Quintana foi un orgullo e un recoñecemento para a gaita e para música do país. Para min foi algo moi emotivo, que non esquezo».
Conversa Suso Vaamonde con paixón e ri a esgalla cando se lle fai a pregunta típica: ¿Confúndeno co falecido cantautor Suso Vaamonde? «Con el non, pero co fillo...». Logo conta unha morea de anécdotas dos concertos, onde sempre hai quen se achega e lle di que coñecía ben a seu pai. Suso é, efectivamente, fillo de Suso Vaamonde. Pero do de Visantoña. Non do famoso.