«''Dende o meu balcón'' debería ter sido o meu primeiro disco porque é o repertorio que manexaba de pequena»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

SANDRA ALONSO

A gaiteira Susana Seivane presentará o se novo traballo en Culturgal

28 nov 2020 . Actualizado a las 20:20 h.

É un dos nomes propios que esta fin de semana acudirá á Culturgal para presentar o seu novo traballo discográfico, Dende o meu balcón. A xénese desta obra de Susana Seivane é ben coñecida: os temas que interpretou durante o confinamento do primeiro estado de alarma dende o balcón da súa casa de Pravio, en Cambre.

-Xa naquel momento pensaba en sacar un disco?

-Ao principio, non. Era o noso aplauso musical de todos os días ás oito e o repertorio era de peticións que me facían os meus seivaneiros e seivaneiras polas redes sociais e outras veces tocaba cousas que me gustaban a min, do meu repertorio de sempre. A medida que foron pasando as semanas empecei a pensar: «Isto é unha pena que non quede reflexado nalgún sitio». É un disco que tiña moitísimas gañas de facer dende hai moitísimos anos. Penso que debería ter sido o meu primeiro disco porque é o repertorio que manexaba de pequena. Historicamente é un disco especial.

-«Dende o meu balcón» sobre sae pola súa complexidade como pon de manifesto o feito que empregase oito gaitas diferentes.

-Si. Son tantos temas... Estivemos saíndo 55 días consecutivos ao balcón e non todos os días facíamos un so tema. E logo están os pasarúas que fixemos cando xa se podía saír e interpretábamos un montón de composicións. Tiven que facer unha criba bastante importante que foi que non estiveran gravados en ningún dos meus discos anteriores, salvo un no que saía o meu avó e quería que me acompañase. Son 55 temas que tiven que agrupar e este traballo foi bastante laborioso porque quixen que houbera cambios de ritmos, de tons e logo tamén foi laboriosa a afinación porque utilicei oito gaitas para que o oído non se aburrira, entre comillas, dun so tono ou de tres en todo o disco. Isto fai que sexa máis ameno escoitalo.

-O sábado teremos ocasión de escoitar algúns destes temas na Culturgal dentro do seu proxecto «Concertos do desconfinamento».

-Forma parte dunha iniciativa que presentamos aos Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e consisten nunha serie de actuacións en balcóns. Xa fixen unha en Ribeira e outra en Santiago, e desta vez, supoño que pola choiva, non será nun balcón. Irei acompañada de Carlos Freire, do meu percusionista. Será unha actuación duns vinte minutos, na que, por suposto, tocaremos algún tema de Dende o meu balcón.

-Para os artistas como esta sendo esta paulatina volta aos concertos en directo?

-Este foi un verán raro porque tocamos moi pouquiño, con aforos moi reducidos e loitando un pouco para demostrar que a cultura é segura. Aí hai un esforzo non so dos artistas senón tamén de técnicos de luces, de técnicos de son, de promotores, de produtores, de managers, de público... O público é exemplar e da moita pena ve-los aí sentados, coas súas máscaras, separados e sen poder facer moitos aspaventos, aínda que nalgúns sitios ao aire libre si que puideron bailar un pouquiño diante das súas cadeiras. Esta sendo difícil porque os músicos o único que estamos pedindo é poder traballar. Para algún será un hobby, pero para moitísimos outros é o pan que levan para as familias que viven, directa ou indirectamente, da música. No verán aínda fomos facendo cousas, pero agora todo esta moi parado e non sabemos o que vai pasar con nós a partires de agora.