«Ei, temos que relativizar os problemas!»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O covid fai que Pepe Vieira, o cociñeiro con estrela estea máis na terra ca nunca. Sabe o que hai, pero non se rende

22 nov 2022 . Actualizado a las 16:42 h.

Falar co chef estrela Michelín Pepe Vieira (Raxó, 1973) é sinónimo de conversa apaixonada. El non tivo un frechazo coa cociña. Foi un cariño que chegou co roce e que mudou en amor dos que aparecen para quedar. E agora conta o que fai entre fogóns cos ollos e o verbo dun deses namorados que non se renden ante un mal momento. Quizais por iso responde cun «imos tirando» cando se lle pregunta pola que lle está caendo a hostalaría na era covid. Se ese amor lonxevo polo que fai lle serve de escudo, moito máis o fan as súas vivencias persoais.

Porque Pepe Vieira tamén é (ou fundamentalmente é) Josiño, o fillo duns pais tenaces que lle puxeron na pista da cociña cando ranqueaba nos estudios. O marido dunha galega de Nova York que é toda unha muller valente. O pai de dous fillos dos que aprende cada día. E, tamén, un home con conciencia que cando pensa nestes tempos revoltos se lle vai a cabeza ao Mediterráneo e aos mortos que alí quedan. Ou a quen non pode vivir para contar o covid. «Non me quero poñer dramático. Pero, ei, temos que relativizar os problemas!», berra docemente cun sorriso.

Josiño, cando aínda non sabía que un día sería Pepe Vieira, viviu a súa nenez en Vigo, onde o seu pai era profesor de FP. Quizais foi esa relación íntima do seu proxenitor coa formación profesional a que fixo que, cando Josiño estaba nunha etapa na que nin arre nin xo nos estudios, lle falase da posibilidade de estudar cociña. «Eu tiña 14 anos e o que máis me gustou foi que para estudar cociña tiña que ir a Santiago... imaxina con 14 anos e con toda esa liberdade», lembra.

Aló foi. E en Compostela, na Escola Superior de Hostalaría de Galicia, as cousas non lle puideron ir mellor. Coincidiu alí con rapaces que agora, coma el, son grandes nomes da cociña nacional. Rematou eses primeiros estudios cun título e, sen sabelo aínda, cunha vocación. Marchou logo a Madrid, onde fixo a carreira de Turismo e, a partires de aí, o mapa nacional quedouse pequeno para as súas ás soñadoras.

De Escocia a Francia

Marchou a Escocia dous anos, nos que traballou en distintos restaurantes. Recoñece que foi alí cando empezou a tomar en serio o conto da cociña. «De súpeto, fun máis consciente de que cociñar non se me daba mal, que sabía facer cousas», conta. Traballo tamén en distintos lugares de Francia. Tratou de formarse cos mellores e, cando estaba polos 27 anos, decidiu volver ás orixes.

O mundo púxose en órbita entón para que el, que non deixaba de dar voltas, e unha filla de galegos criada en Nova York coincidisen en Galicia e se namorasen. Foron tempos de empezar todo de cero. O amor. E o restaurante que montou: «Primeiro foi en Sanxenxo, e fixémolo nós todo, amañamos as paredes, a cociña... algo moi sinxelo. Pero o que si é certo é que dende o principio tratamos de diferenciarnos un pouco», indica. Se cadra, parte da diferenza é que cando el tiña libre marchaba ata onde Arzak a seguir aprendendo. Ou ía a Asturias a ver que facía o seu compañeiro Pedro Martino.

Loitou ata ter a estrela Michelín e, cando lla deron, soubo que era un pasaporte a non poder durmirse nunca. «O ADN do noso restaurante, non de min, senón de todo o equipo, é estar en constante evolución», conta. A estrela puido levalo a vivir no ceo. Pero a vida, esa que sempre sorprende, fíxolle poñer os pés na terra moitas veces. Un deses retos foi converterse en pai dunha rapaza con discapacidade. E descubrir o que é loitar dende o berce. «Cantas cousas me ten ensinado a miña filla. E tamén a súa nai, da que fun da man, porque eu neste tema estaba moi perdido. Grazas a ela non o vivimos como unha traxedia. O diagnóstico non é unha alegría, está claro. Pero tampouco se pode converter nun drama a longo prazo. Logo ves como a nena é feliz... e canto aprendes», sinala Josiño con tanto amor como verbas na súa boca de pai orgulloso desa filla e do mozo adolescente «e con moito pelo» ao que xa lle tiran tamén os fogóns.

Pode que ese rapaz siga a tradición. Ou non. Sempre é mellor non ter escrito o futuro. Seguramente, o avó de Josiño non imaxinaría que o seu neto, despois de andar a voltas polo mundo, decidira regresar ás orixes e, tralo restaurante en Sanxenxo, abrise o seu local emblemático na terra da familia, en Raxó. E non só iso. Senón que tanto el coma seu irmán colleran o millón de pesetas que o avó reservara para que eles mercaran ambos coches, os empregaran para abrir ese restaurante e o chef decidira homenaxear ao avó rebautizándose a si mesmo co seu nome, Pepe Vieira. Iso si que é ter estrela.

O primeiro traballo tívoo en Canadá, con quince anos. Marchou alí para aprender inglés e, de paso, traballar no restaurante dun amigo de seu pai, natural de Sober. Aprendeu máis de cociña que de inglés, porque de portas para adentro, entre fogóns, falaban castelán.

É consciente do momento durísimo que toca vivir. Invita a buscar o lado positivo, «que sempre acaba aparecendo».