A conexión de Exipto coas Rías Baixas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

marcos creo

A arqueóloga, que estivo escavando en Luxor, imparte obradoiros infantís sobre a milenaria civilización

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha das casa de cultura que miran cara a ría de Arousa, 25 nenos asisten sen pestanexar a unha serie de explicacións sobre a localización de Exipto e os tesouros que se agochan no camiño que o río Nilo vai debuxando ao seu paso por dito país. A expectación dos aplicados alumnos vai a máis cando entra en xogo a palabra momia e mesmo cando teñen ocasión de darlle forma, coas súas propias mans, a unha forma semellante a un deses cadáveres desecados. Á fronte da clase atópase Isolina Lorenzo, unha veciña de Boiro que sabe do que fala, pois xa estivo nun par de ocasións participando na escavación dunha tumba de Luxor e, se os seus plans non fallan, a finais do verán regresará.

Ela é unha das colaboradoras que ten o Instituto de Estudos do Antigo Exipto, entidade que decidiu difundir a cultura do país africano en toda España, organizando obradoiros. A iniciativa está a rexistrar en Barbanza un gran éxito, tanto que en Boiro e na Pobra xa houbo que habilitar unha segunda data para darlle a oportunidade de participar a tódolos nenos interesados. Isolina Lorenzo busca espertar nos cativos a paixón que ela empezou a sentir cando era unha nena: «Namoreime de Exipto cando ía en EXB e vía nas fotografías dos libros as fotos das pirámides, das momias e dos faraóns. Este amor foi a máis cando cursei a carreira de Historia».

Despois de mergullarse no eido da arqueoloxía sumándose ás escavacións nos castros de Neixón, a boirense decidiu probar sorte anotándose á convocatoria lanzada polo Instituto de Estudos do Antigo Exipto e foi seleccionada para participar no proxecto Visir Amen-Hotep Huy, que se desenvolve na Tumba Tebana 28 de Asasif, en Luxor. «Cavar, desenterrar restos, fotografalos, catalogalos... Alí seguimos todo proceso previo á musealización da tumba, co obxectivo de que no futuro poida ser visitada».

Máis alá de seguir traballando neste xacemento, Isolina Lorenzo soña con mergullarse nos tesouros exipcios: «Gustaríame facer un percorrido polo Nilo, parando en cada templo e en cada monumento». Cando deixa voar a imaxinación, tamén se ve desenterrando xoias en outros puntos do país africano: «Sería feliz traballando nas pirámides ou en Alexandría».

Tamén ten outras aspiracións máis factibles vinculadas a Barbanza, como regresar aos castros Grande e Pequeno: «Teño participado en case tódalas campañas que se levan realizado en Neixón. Lembro con especial cariño cando desenterramos un arybalos (un recipiente que se empregaba para gardar perfume), porque eu mantiven desde o primeiro momento que era da época fenicia, algo que despois se confirmou».

Aínda que recoñece que entre o valor dos tesouros de Boiro e os de Exipto media un abismo, non lle resta importancia aos xacementos da súa terra: «Non temos restos tan impresionantes, pero si pequenas xoias que nos falan da relación que as rías tiveron con outros pobos e iso é moi importante». Está convencida de que en Neixón, por exemplo, queda aínda moito por desenterrar e gustaríalle formar parte do equipo que se encargue de sacar á luz os vestixios que seguen debaixo da terra.

Mentres espera o momento de poñerse mans á obra ou de facer as maletas para voar a terra das pirámides, Isolina Lorenzo transmítelle aos nenos a súa paixón pola arqueoloxía e pola historia en xeral: «Gozo moito vendo como os cativos se interesan polo tema, como se percibe o asombro nos seus rostros ou como me fan preguntas». Asegura que, visto o éxito que están a ter os obradoiros promovidos polo Instituto de Estudos do Antigo Exipto, a entidade está aberta a promover máis sesións: «Queremos abranguer máis franxas de idade e incluso estamos pensando en organizar algo para os adultos».

Isolina traballou desenterrando e catalogando restos na Tumba Tebana 28 de Asasif

«Sería feliz se puidese escavar

nas pirámides ou en Alexandría»,

di a arqueóloga

A técnica sostén que en Galicia existen pequenas xoias que agardan por saír á luz