«Ímonos por guapos para ligar coas rapazas de Combarro»

Roi fontoira PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A actitude descarada é a base dos «shows» dos Carminha

30 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Novedades Carminha revolucionaron a escea musical galaica coa publicación dunha maqueta en casete que recollía a testemuño do mellor punk nacional. Dende a data, este trío de bon vivants obsesionados coas rapazas e o polbo, pasearon as súas composicións por clubes de toda a Península. Hoxe, farano no Armadiña Rock de Combarro (praza da Chousa, 22.30). E, coidado, porque chegan no seu mellor momento.

-O nome da banda alude a unha mítica lencería de Compostela. ¿Sentídesvos identificados co espírito tradicional do festival?

-Estamos identificados coa mestura da cultura popular co que ven de fóra. As celebracións populares de comer polbo e xuntarte cos colegas é o que te leva a tocar rock and roll.

-O voso derradeiro álbum, «Jódete y baila», é unha amable invitación á festa...

-Quixemos facer un disco cun concepto tropical-galaico, inspirado nos solteiróns que se van de viaxe a Cuba e as familias que veranean en Samil. Queriamos un disco bailongo e divertido e pareceunos acertado darlle un punto tropical ao punk. É un estilo que se relaciona con chupas de coiro pero as camisas hawaianas tamén molan.

-E os directos, ¿reflicten a diversión do disco?

-En Combarro imos liala gordísima, chegamos con moitas ganas e queremos poñer a todos a bailar. Ademais, ímonos por moi guapos para ligar coas rapazas de Combarro.

-A vosa primeira referencia editouse en casete e a última gravación foi en analóxico. ¿A qué se debe esta filiación ás cintas?

-O casete é un formato que nos tocou de cheo á nosa xeración e témoslle moito cariño. E soan chatarreiros, que é o que nos gusta. O da cinta fixémolo un pouco pola extravagancia e foi unha boa chamada de atención. Seguramente volvamos editar outro casete cun par de directos que temos gravados. De tódolos xeitos, para nós o mellor formato é o vinilo, pero queremos editar en casete como rareza para os nosos amigos.

-Dende os comezos vos compararon con Siniestro Total, aínda que agora percíbese un xiro cara un son máis actual. ¿Que bandas vos están influíndo?

-A xente compáranos con bandas coma Black Lips ou Davila 666, pola actitude enriba do escenario. En xeral, inflúenos a escea americana de garaxe que hai agora.

-Pero aínda soades a punk.

-E que é o que nos sae, e facendo letras en castelán a inflenza básica é o punk dos oitenta. Non fixemos ningunha copia nin algo premeditado, a gravación saiu moi natural.

-¿Cómo foron as sesións?

-Recluímonos no estudo dun amigo cinco días e, logo, Michael Tucci masterizouno en Nova York.

-Tras dous epes e dous longa duración. ¿Cáles son os obxectivos cara o futuro?

-Seguiremos explotando este disco e, en outubro, presentaremos en Cádiz un videoclip dirixido por Javi Camino. O obxectivo é chegar a máis xente e, para o ano que ven, gravar outro disco.

-Galegos emigrados en Madrid. ¿Cómo levades a morriña?

-Temos ben pouca. Gústanos moito Galicia pero cremos que hai que aproveitar o que che aporta cada sitio. Aínda que sempre que podemos volvemos, aquí temos familia, amigos...

-En setembro tocaredes no Rock in Way do Monte do Gozo. ¿Está chegando o recoñecemento?.

-Cando sacamos este último disco o público acolleuno moi ben. Ademais, cambiamos de manager e funcionou moi ben ata agora. O do Rock in Way é o penúltimo concerto do verán. É un macro festival con moitos estilos e aí estaremos intentando facer bailar á xente.

carlangas guitarrista e cantante de novedades carminha

«Facendo letras en castelán a influenza básica é o punk dos 80»

«Inspirámonos nos solteiróns que van a Cuba e as familias que van á praia de Samil»