A actriz Mabel Rivera abre un ciclo de documentais en Bueu

La Voz

PONTEVEDRA

A actriz galega Mabel Rivera, gañadora dun Goya, estará hoxe no Centro Social do Mar de Bueu para asistir á proxección do primeiro filme do ciclo de documentais organizado pola Asociación Mozas e Mozos de Beluso. Trátase de O salario do silencio, un filme que aborda a problemática da planta regasificadora construída por Reganosa na ría de Ferrol.

Mabel Rivera, responsable da documentación e da voz en off, produce a cinta a través de Namche Films e participará, xunto co director, Enrique Banet, no coloquio posterior á proxección, no que tamén estará Alexandre Carrodeguas, membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e membros do Foro Social de Cangas, «por considerar que se trata de reivindicacións con puntos en común», segundo os organizadores.

O salario do silencio pretende aportar unha información contrastada sobre a polémica ubicación da regasificadora en Mugardos e contribuír a romper o silencio que rodeou esa instalación e informar á sociedade de «como se levan a cabo proxectos empresariais ou urbanísticos que poden afectar gravemente aos cidadáns, aos que non se lles adoita consultar sobre decisións que prexudican as súas vidas, o seu entorno e, sobre todo, a súa seguridade».

Programa

O ciclo de documentais continúa o vindeiro venres, día 13, co pase de A cidade perdida, un filme que convida a reflexionar sobre a extinción do patrimonio arquitectónico industrial, exemplificada na cidade de Vigo, «pero extensible a casos coma o de Bueu e o Morrazo, coas conserveiras», segundo subliñan dende a organización. No coloquio estará o director, Miguel A. Romero.

A seguinte cinta, prevista para o día 20, será Flores tristes, que aborda a represión franquista en Galicia nos primeiros momentos da ditadura.

E o ciclo rematará o vindeiro día 27, con Narcos, la ruta de la impunidad, que amosa o entramado mafioso da prostitución e o narcotráfico en Galicia e Euskadi.

A entrada a todas as proxeccións é totalmente libre e de balde.