O día da pomba

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Os rapaces da escola Crespo Rivas celebraron a xornada dedicada á paz, que suspendeu as actividades conxuntas

30 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A tradicional celebración conxunta na Ferrería dos colexios da comarca de Pontevedra polo Día da Paz, data que se conmemora hoxe, foi suspendida polo mal tempo reinante, polo que os actos desenvolveranse en cada centro.

Pero os máis madrugadores foron os pequenos da escola infantil Crespo Rivas, que adiantaron a onte a celebración. Neste centro están matriculados 225 cativos de 3 a 5 anos que saíron ao patio cuberto para cantar e recitar poemas sobre a solidariedade, a convivencia e a paz. «Amiguiños todos / amiguiños xa / os nenos de aquí / e os nenos de alá», oíuse no acto, animado pola profesora máis veterana e infatigable, Marisa Puga. A parte máis divertida foi cando as profesoras preguntaron aos nenos cal era o día se celebraba hoxe: «El día de la.... » -e respostaron os rapaces-«de la paloma», entre as risas dos maiores. Sabían que á paz represéntase cunha pomba branca e así o soltaron.

Logo, algúns dos cativos tamén se animaron a coller nas mans algúns deses animais e os soltaron para rematar o acto, cun novo berro pola «paz, paz, paz, harmonía e benestar».

Cuntis

No CPI Don Aurelio de Cuntis exponse un mural cunha árbore con fotos dos alumnos, no que manifestan a súa disposición a vivir en paz, mentres en en Secundaria, a conmemoración centrouse no conflito de Palestina e tamén houbo unha conferencia da correspondente de guerra Ana Expósito sobre o bombardeo de Gaza polo exército israelí. E hoxe proxectarase o documental Promises, que fai un seguimento durante tres anos a sete nenos de entre 9 e 13 anos, xudeus e palestinos, do campo de refuxiados de Deheishe e o asentamendo xudeu de El de Beit.

En Poio, o alumnado dos CEIP Viñas, Lourido, Isidoro Riestra, Chancelas e Espedregada, xunto coa aula de alfabetización da terceira idade na Casa Rosada, celebrarán tamén a data que coincide co aniversario do asasinado do Mahatma Gandhi, o apóstolo da non violencia e líder nacional e espiritual da India. Os nenos levarán un puñadiño de terra que mesturarán para facer un mapa de España. Tamén enviarán unha carta e parte da terra a distintos puntos de España.

Pola súa banda, o Concello de Sanxenxo súmase a xornada con diversas actividades nas instalacións do Círculo Cultural e Deportivo de Vilalonga. A partir das 17 horas, coa actuación do humorista Pablo Muñiz e a lectura dos traballos realizados no taller de memoria coa paz como tema central. A xornada rematará coa degustación de chocolate quente.