Medicamentos para o Sáhara

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Cáritas Interparroquial inicia unha campaña para enviar axuda sanitaria aos refuxiados de Tindouf

02 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cáritas Interparroquial de Pontevedra está a desenvolver unha campaña, en colaboración doa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para enviar medicamentos aos refuxiados nos campamentos de Tindouf.

Almudena Ocejo Azcuenaga, presidenta de Cáritas Interparroquial, e Carmen Puig, responsable da campaña desa organización, fixeron un chamamento á xenerosidade dos pontevedreses para que participen nesta iniciativa que se levará a cabo en colaboración cos colexios Médico e Farmacéutico, o Sergas e hospitais de Pontevedra.

As patoloxías prevalentes nos campamentos de refuxiados son, segundo subliñou Pilar Martínez, responsable da comisión médica da Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí, as infeccións respiratorias -a asma e o broncoespasmo están moi presentes debido ao siroco e a area do deserto-, a desnutrición, as diarreas -agravadas pola desnutrición, o que as veces impide sacar adiante a quen as padece-, as enfermidades parasitarias -«que moitas veces temos que diagnosticar a ollo, porque non hai laboratorios para facer as probas»-, as anemias, e a celiaquía, «un problema moi serio -engadiu- porque a alimentación básica é a base de pan de trigo, que os celíacos non poden tomar».

Outro dos problemas máis graves é a anemia, especialmente nas mulleres embarazadas e nos nenos de menos de 5 anos. A médica subliñou que o 100% das mulleres embarazadas teñen anemia, e un 70% teñen anemia de moderada a severa, pois a alimentación é moi pobre. O gran problema nese caso é o ferro. «O ácido fólico é un luxo -engadiu-, pero o ferro e moi necesario, porque a alimentación é escasa, debido a que a axuda alimentaria das organizacións internacionais baixou moito. Nos campamentos cómese unha vez ao día e o 99% dos nenos van durmir sen cear».

Déficit de ferro

A médica incidiu en que os nenos nacen loxicamente, tamén cun déficit importante de ferro, aínda que por sorte, aliméntanse, na maioría dos casos, con leite materna. «Digo na maioría dos casos porque por desgraza, aínda morren mulleres no parto, e os seus fillos presentan logo unha desnutrición severísima, porque non hai leite para darlle, e aliméntanos a base de dátiles, algo de leite de cabuxa, ou auga de sucre».

Esta situación de desnutrición consegue paliarse en parte, a partir dos 7 anos, cando os nenos participan xa no programa Vacaciones en Paz, que auspicia a devandita organización e que este ano traerá a 900 nenos a Galicia.

«Co que comen dous meses aquí, melloran moitísimo, e non o digo por dicir, sino con datos contrastados con análises».

Polo tanto, na campaña requírense medicamentos básicos para esas patoloxías e outros como ibuprofeno, paracetamol, antibióticos de amplo espectro e vitaminas, fundamentalmente ferro. A lista de medicamentos estará exposta nos carteis da campaña, que se poderán ver nas farmacias, onde se poden deixar as dotacións. Teñen que ser paquetes enteiros e cunha caducidade alomenos de xuño do 2009, pois o envío farase a final de ano, nunha caravana na que tamén se transportará material para garderías e outro sanitario, como ambulancias.

Os medicamentos tamén se poden deixar na sede de Cáritas, na rúa Xaquín Costa.