Praza da Ferrería Air Europa amosou en Peinador o avión que promocionará o turismo na provincia
08 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A néboa que tan famoso fai ao aeroporto de Peinador retrasou onte a presentación do novo avión co que Air Europa promocionará o turismo nas Rías Baixas. Así que ata que non pisou terra os asistentes á estrea non puideron ver a enorme onda azul que distingue a esta aeronave, que representa o océano Atlántico e sobre a que están escritos os 62 concellos de Pontevedra. Deles, tan só os de Pontevedra e Vigo aparecen en ambos lados do avión e, como curiosidade, dicir que o do primeiro está moi cerca da porta de emerxencia... Sobre a onda flotan catro avións de papel na parte inferior, que representan as catro estacións do ano, e que aparecen cheos de produtos típicos de cada unha delas, como o marisco, a castaña, a cabaza ou a mesma Feira Franca. E na parte superior, está o eslogan e a web www.riasbaixas.org. A compañía utilizará este avión en 31 recorridos que ten en España, Europa e o Norte de África para dar a coñecer as Rías Baixas. A deseñadora, Anabel Domínguez, destacou na presentación -que presidiron Corina Porro, Rafael Louzán e o presidente de Globalia, Juan José Hidalgo- que lle tería gustado pintar máis azul, aínda que hai zonas do avión onde non é posible por motivos de seguridade. Entre os asistentes tamén estivo o campión olímpico David Cal. Arte de acción Do arte no aire ao de acción. A praza da Peregrina foi escenario onte da performance de Roi Fernández, estudante de Belas Artes, dentro das xornadas que teñen revolucionada a facultade esta semana e que pretenden acercar esta disciplina ao público en xeral. Aínda que non sempre é sinxelo. Solidariedade Tamén onte estivo na cidade Izelia Simbine, da Asociación de Mulleres de Changalane de Mozambique, para explicar a situación que están a vivir e os proxectos de desenrolo que levan adiante, da man da ONG Amarante e outras institucións. Simbine subliñou que a maioría dos habitantes do país son analfabetos, especialmente as mulleres que, en moitos casos, son cabezas de familia, pois os seus homes morreron na guerra ou emigraron. Co país destruído e empobrecido as mulleres tomaron a iniciativa e en Changalane puxéronse ao fronte do sector agropecuario. Tras o cambio da lei de terras, que lles permitiu acceder a propiedade como titulares, uníronse, coa cooperación internacional, para sacar adiante un proxecto dunha granxa de galiñas poñedoras, con 2.500 animais que permite o sustento de 215 mulleres e súas familias. Tamén conseguiron aulas para os seus fillos e tratan de acabar co analfabetismo que impide a prosperidade.