DESDE A VENTÁ | O |
10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.OS MALOS tratos aos animais son un asunto regulado por lei e que teñen servido para que se escriban toneladas de páxinas en prensa e en libros, así como múltiples conferencias e debates. O acontecido nunha corte de Marín o pasado luns, coa morte da burra que coidaba un veciño e custodiaba o Concello, podería ter sido un novo capítulo da historia de agresións brutais e salvaxes a animais domésticos e indefensos. O problema está nas versións tan contradictorias contadas polo veciño e polo concelleiro delegado da área sobre as últimas horas do animal. Pero non hai dúbida algunha de que nesta sociedade se exerce unha violencia sen reparos cara os animais e sen nengún pudor por xente que se considera moi civilizada. É a responsabilidade de todos, Administracións e veciños, que as actuacións salvaxes non queden impunes. O sucedido en Marín merecería unha investigación máis profunda, porque sexa que a agresión fose tan cruel coma relatou o veciño que coidabada do animal, ou sexa que a burra foi a víctima inicial dunha gamberrada como sostiveron desde o Concello, a cousa non ten xustificación desde ningún punto de vista. Nin é de recibo apalear a un animal, nin se debe pasar por alto a aparente menos incivilizada costume de martirizar a un animal polo placer dunha gamberrada de críos. Non. Non se debe permitir ningún dos dous casos. A xente perde moi fácilmente a conciencia sobre onde está a fronteira entre o adecuado e o inmoral. Os cazadores que mataban leóns e tigres en plena España nunha finca particular, seguro que non se sentían autores de ningunha ofensa nin a legalidade vixente nin aos seus veciños. Con tal de que tivesen vaias electrificadas, sentíanse tranquilos. Pero fixeron correr un risco aos demais que non debería ter existido. E iso debera ser suficiente para facerlles pensar.