Entrevista | María Reimóndez A cooperante participou onte nunha charla organizada por Amarante na que fixo fincapé en que as axudas internacionais en créditos brandos agravan a situación tras a catástrofe
06 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.? oenexé que preside María Reimóndez traballa desde hai anos en Trichi, unha localidade do sur da India onde, a través da colaboración doutra organización local, leva a cabo un proxecto integral (que engloba cuestións de sanidade ou créditos). A zona sitúase no Estado de Tamil Nadu, un dos afectados polo desastre do tsunami, aínda que non foi das arrasadas pola catástrofe. Si o foi Karaikal, onde se desprazou a cooperante en xaneiro e pasou un mes colaborando coas labores de realoxamento das familias afectadas. -¿Cal era o panorama cando chegou? -Cando eu cheguei a situación máis de emerxencia, que é a retirada dos corpos, xa estaba rematada, aínda que era algo moi recente. Despois, a situación que encontrei pode analizarse desde moitas perspectivas. No que se refire á paisaxe, é de destrución total. Hai lugares que parecen unha praia grande, pero eran aldeas que quedaron en nada. As comunicacións tamén eran bastante complicadas, porque moitas pontes caeran e a visión dos barcos a kilómetros de distancia é xa unha imaxe característica da zona. Pero xa no caso que máis importa, o das persoas, nós estivemos atendendo o único campamento de desprazados que quedaba en Karaikal, con duascentas persoas nunha escola pequena, na que practicamente durmían á intemperie. -¿En que consistiu o seu traballo? -En colaboración coa organización coa que traballamos alí decidimos facernos cargo destas persoas mentres se construían os refuxios temporais. Nós construímos un refuxio para esa comunidade e proporcionámoslle comida cunha pequena cociña comunitaria. E logo identificamos doce aldeas máis para traballar no apoio psicolóxico e na rehabilitación económica, que é no que máis nos centramos agora. É un traballo máis ben a longo prazo. E o traballo psicolóxico é moi complicado, porque ao ter perdido todos aos seus familiares, este apoio ten que vir de fóra, non o poden dar entre eles. -A comunidade internacional anunciou que se volcaría nas axudas internacionais ¿É así? -No caso da zona onde traballamos, o Goberno da India non aceptou a axuda bilateral. Recibe axuda internacional, pero só de organizacións como a ONU. Foi unha medida criticada, ignorando que estas axudas dos gobernos son en realidade créditos brandos e a India ten neste momento 100.000 millóns de dólares de débeda externa. Parece entón unha medida lóxica para non hipotecar o futuro das poboacións. É un mal deseño desa axuda, porque ao seren créditos, eses países sempre quedan hipotecados. -¿Que foi o máis duro nesta experiencia? -O que máis duro me resultou foi volver. Aínda que estou afeita a ver situacións duras, en Karaikal o que vin afectoume, porque foi unha situación complicada e traballamos baixo presión, absorbendo moita dor. Ás veces, é moi difícil procesalo. Pero cando volvín o tsunami xa non estaba nos xornais . Era como se non acontecese e as 800.000 persoas que levou o mar como que non significaban nada.