¡ARRE HO! | O |
28 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.APARCAREI por unha vez os meus prexuízos acerca da música subvencionada para felicitar á Xunta pola programación de actuacións para o Xacobeo 2004, un listado que leu antonte o conselleiro Pérez Varela co seu habitual inglés de Chiquitistán. Ao final vou ter que ceder e darlles a razón aos que din que iso de contratar mastodontes do rock a conta do contribuínte vai ser bo para a autoestima dos galegos. Xusto mentres o conselleiro falaba do difícil que é traer a tantos artistas «que se pican entre eles para saber quen é o teloneiro», dábanse a coñecer os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que adxudican case a metade dos novos parados do Estado a Galicia. En resume, neste país 190.000 persoas, case o quince por cento dos traballadores, están sen ocupación. Por falar graficamente á luz dos datos: se voste é, por exemplo, pontevedresa e muller, o máis probable é que ande a velas vir. Polo tanto, terá tempo e entrañas suficientes como para ir ver todos eses espectáculos que, por encima, custarán aos espectadores moito menos do que pagarían sen a magnánima intervención de monsieur o Estado, que pan non dará, pero circo, o que se queira e máis. Gracias.