Maio Longo programa unha semana galego-brasileira

Chelo Lago PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

O cronómetro | Outubr@sil A asociación cultural pontevedresa quere dar a coñecer a realidade social, cinematográfica e antropolóxica do país sudamericano

04 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?aixo o lema En galego para coñecer mundo, a Asociación Cultural Maio desenvolverá ó longo da vindeira semana diversas actividades para achegar ó público a realidade brasileira utilizando de xeito práctico o noso idioma como ferramenta útil para o coñecemento destas culturas. Un ciclo de cine en versión orixinal, un documental e unha festa gastronómico musical compoñen a oferta destas actividades que comezarán mañá, lunes, as 20.30 horas, no teatro Principal, coa proxección da película Cidade de Deus, de Fernando Meirelles. Un filme sobre a supervivencia dun mozo negro nunha favela carioca moi violenta. O martes, á mesma hora, pasarase Copacabana, de Carla Camurati, e o ciclo rematará o mércores con Abril despedaçado, de Walter Salles. Ademais, o xoves, ás 20.30, nesta ocasión na galería Sargadelos, haberá unha proxección do documental Lula, ou cando a esperanza vence ao medo, seguido dunha conferencia e debate sobre a realidade do Brasil de Lula da Silva, coa participación de diversos membros do Partido dos Traballadores. E para rematar a semana denominada Outubr@asil, haberá unha festa gastronómico musical na praza da Verdura o vindeiro venres, a partires das 21 horas, coa actuación do intérprete Diego Massimini. Ademais, pasaránse vídeos musicais e haberá degustación de productos brasileiros. Tódalas actividades programadas son gratuitas. Xosé Abilleira, secretario da asociación organizadora, apuntou que o colectivo «pretende inaugurar en Pontevedra, con afán de continuidade nos próximos anos, unhas actividades que relacionen e informen da gran área lingüístico-cultural do universo galego».