Catro perras

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

10 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CASE todos os días a vexo, aquí cerca do periódico, cando volvo de comer. É unha señora mínima, enfundada sempre nunha trenca deportiva remendada que lle queda enorme, envolta en varios xerséis sucios, tapada con saias duras e con medias de abrigo rotas. Non importa o tempo que faga: un gorro de punto calado ata as cellas coroa o seu metro cincuenta. Parece ter un millón de anos, e por aí lle andará. Cando eu volvo de comer, ela recolle con extremada dignidade os vasos das mesas da terraza que monta na rúa un bar desta parte da cidade. Lévaos dentro do establecemento en varias viaxes, deixa a vaixela nunha punta da barra, e senta nun taburete que é case tan alto coma ela. Despois, sen que necesite dicir unha palabra, o camareiro achégalle unha taza con infusión e dous pratiños, un con churros da mañá e outro co que sobrou das tapas do mediodía. Non lle cobra, para que: ela non podería pagar as catro perras que custa tamaño menú. A muller sorbe a comida lentamente, mirando o xornal páxina por páxina. Onte vin pola ventá que estaba lendo que a Deputación pagará 150.000 euros das reformas que necesita Balaídos para que o Celta xogue alí a Liga de Campións, 50.000 euros por partido. Catro perras de nada.