«A clave para comprender a Unión Europea está en Roma»

Rubén Bastón PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Crónica | Cursos de verán Unha conferencia de José Antonio Escudero sobre o pasado, presente e futuro do Parlamento comunitario centrou a atención dos asistentes á sede da UNED

09 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Era a última clase antes do descanso do mediodía. Ía moita calor e pola tarde estaba proxectada unha excursión lúdica polas Rías Baixas. A conferencia comezou algo tarde. Falaba o catedrático José Antonio Escudero, 12 anos europarlamentario, primeiro coa CDS e logo co Partido Popular europeo. «Paréceme interesante mesturar aportacións teóricas coa miña experiencia persoal, contar as tripas do Parlamento». Na mesa permaneceron tres homes: os dous romanistas coorganizadores do curso Roma e Europa: a unificación política e xurídica, e o ponente. Os tres vestían americana, sobrios e formais. Enfronte, arredor de vintecinco persoas atendían, con algún que outro pantalón curto. A conferencia desenvolveuse nun ton agradable, lonxe de erudicións ou pedanterías. Este dobre académico, de Xurisprudencia e Historia, soubo mesturar con suavidade as claves dun organismo trascendental para o futuro da Unión Europea co día a día da institución: as tensións para figurar nas listas, as peculiaridades das campañas políticas, a dinámica de grupos parlamentarios, a surrealista situación de ver como todo o funcionamento do Parlamento Europeo se traslada unha semana de cada mes dende Bruxelas a Estrasburgo, cos impresionantes gastos que iso conleva. Escudero xustificou con sinxeleza o espírito do curso no que participa, que pon en relación o Imperio Romano coa Unión Europea: «A primeira gran unificación europea foi a romana, en Roma está a clave para comprender a actual integración».