
Do 10 ao 18 de maio organizaranse exposicións, concertos e citas para os máis pequenos
01 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Samanta Barreira, presentou esta mañá no salón de plenos a programación da Semana das Letras Galegas 2025, que se celebrará do 10 ao 18 de maio na vila.
A programación arrancará o sábado 10 de maio, ás 17.00 horas na Preguiza, cunha xornada festiva denominada Trisca da Preguiza, un encontro de grupos e asociacións da comarca —Candaira, Silverias do Támega, As Travesas, As Torgueiras, Os Trouleiros e diversas asociacións de mulleres rurais— que encherán o espazo de música tradicional, xogos populares e un obradoiro de baile aberto a todos os públicos. A actividade incluirá tamén servizo de bar. Esa mesma noite, ás 21.00 horas, o grupo Ailá ofrecerá un concerto no que mesturará a música tradicional galega coas novas sonoridades contemporáneas.
O luns 12 de maio, ás 19.30 horas, inaugurarase na Sala de Exposicións de Verín a mostra «Pensamentos Fuxidos» do artista Xosé Rivada, que poderá visitarse durante todo o mes en horario de mañá e tarde. O martes 13 de maio, ás 20.00 horas no Auditorio, o alumnado do Conservatorio de Música de Verín protagonizará unha audición de conxuntos instrumentais, amosando o seu talento e a vitalidade da formación musical na vila.
O xoves 15 de maio, ás 20.30 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura, o recoñecido músico e investigador Xabier Díaz ofrecerá a palestra «Metendo as mans na terra», unha viaxe pola tradición musical galega a través da súa experiencia nas recollidas de cancións populares e o proceso creativo de reinterpretación desa memoria sonora.
O venres 16 de maio será unha xornada pensada para os máis pequenos. Pola mañá, de 10.30 a 13.30 horas, celebrarase «Os coles cantan na Praza García Barbón», onde máis de 600 nenos e nenas dos CEIP Amaro Refojo e Princesa de España interpretarán cancións tradicionais galegas. Pola tarde, ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal, a compañía Galitoon Teatro presentará «Os Descontacontos», un contacontos con monicreques dirixido a nenos e nenas de 3 a 9 anos que rende homenaxe aos avós e avoas transmisores de historias e tradición oral.
O sábado 17 de maio, ás 18.00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá a obra de teatro infantil Castelao. Un corazón á intemperie, da compañía Fantoches Baj, unha proposta escénica destinada a público familiar a partir dos 6 anos que repasa a vida e obra do autor rianxeiro mediante técnicas como o kamishibai, monicreques, cabezudos e teatro de máscaras.
Finalmente, o domingo 18 de maio, ás 11.30 horas no Auditorio Municipal, celebrarase a tradicional Gala Músico Literaria das Letras Galegas, na que se entregarán os premios dos certames de poesía «Xosé Carlos Caneiro Pérez» e de relato curto «Antonio Fernández», convocados polo Concello de Verín coa colaboración de GADIS, para fomentar a creatividade literaria entre a mocidade da comarca.
Barreira tamén fixo fincapé na importancia de visibilizar a intensa actividade cultural que levan a cabo as asociacións de mulleres do territorio: «A nosa comarca conta cun tecido asociativo feminino moi forte e diverso. As nosas agrupacións e asociacións de mulleres rurais foron e seguen sendo auténticos motores de dinamización sociocultural. É xusto recoñecerlles publicamente a súa entrega e agradecerlles que leven décadas mantendo viva a nosa identidade a través da música, do baile, da palabra e da solidariedade».
A concelleira de Cultura tamén reflexionou sobre o valor simbólico da tradición no presente: «A maioría das persoas que hoxe cantamos ‘unha noite no muiño, unha noite non é nada’ non o facemos porque viviramos as muiñadas, senón porque herdamos ese patrimonio cultural, ese sentimento, e con iso mantemos viva a nosa tradición, a nosa cultura e, polo tanto, o noso pobo. Como xa dixo Castelao en Sempre en Galiza, “a tradición non é a historia. A tradición é a eternidade”».