Vicente Rodríguez Justo: «Competir contra a PlayStation é moi difícil, pero é posible»

Cándida Andaluz Corujo
Cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

VERÍN

Álvaro Vaquero

O centro de lectura e préstamo verinés recibiu un premio do Ministerio de Cultura pola súa actividade

05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A biblioteca de Verín acumula ano tras ano premios e recoñecementos de todo tipo. Hai dez que comezou un proxecto, encabezado por Vicente Rodríguez Justo, oficial de bibliotecas e responsable da verinesa, que dá os seus froitos. Afirma que é grazas ao traballo de moita xente, como a súa compañeira Aurora Prieto e os voluntarios.

-Cantos premios levan?

-O último, que outorga o Ministerio de Cultura, é o mais importante a nivel nacional. Tamén temos a certificación da Unesco dende 2012 como biblioteca asociada, porque cumprimos os requisitos de fomento da lectura, integración social e valores culturais. É importante unha distinción do Parlamento Europeo, de alto patrocinio, que foi concedida polas actividades culturais que realizamos o Día as Letras Galegas. É incrible para unha biblioteca dunha vila do tamaño de Verín estar xunto as de cidades culturais importantes. Para nos é un espaldarazo.

-Isto faise con moito traballo.

-Non se fixo onte. Hai dez anos comezamos o camiño da dinamización cultural dentro da biblioteca. Queremos seguir medrando e atraendo novos lectores. É a única forma de competir é facéndoa atractiva. Sempre dicimos que competir coa PlayStation é difícil, pero é posible. Vemos que coas actividades de contacontos e manualidades crecemos ano a ano. E tamén pasa co préstamo de libros aos nenos. O público infantil aumenta e iso radica nas nosas actividades.

-Fálenos das súas propostas.

-Está claro que fai máis o que quere que o que pode. Fan falla recursos, pero facer unha actividade de contacontos con nenos non é caro, salvo que contrates a un profesional ou a unha compañía de actores ou actrices un día especial... Utilizamos material reciclable para as manualidades e buscamos actividades que non sexan custosas. Os contos preparámolos dos que temos aquí. Se o facemos nós, cos nosos voluntarios, e non traemos a ninguén, a fin de ano non supón gasto.

-Cantos socios ten na actualidade a biblioteca?

-Estamos sobre os 3.800. Nese número están incluídos adultos e infantís. Todos os anos temos a obriga de entregar ao Ministerio de Cultura unha táboa estatística que nos serve para ver como medramos. E vemos como todos os anos aumentan os préstamos. Este é o maior aliciente, que seguimos medrando. Incluso nas actividades que organizamos hai listas de espera. Todos os venres quedan fora nenos. Iso é significativo de algo.

-Cal é a importancia dos voluntarios na biblioteca?

-Esencial. Cando se fala de voluntariado, moitos pensan que unicamente son rapaces que veñen traballar aquí, pero é moito máis que iso. Son a imaxe da biblioteca, é o que perciben os nenos que veñen as actividades de contacontos. Cando un neno conta a outro un conto é moito máis receptivo que cando o conto eu, por exemplo. A atención é exponencial. Iso por un lado. E segundo, os voluntarios reflicten valores que os nenos ven. E cando son maiores, xa din que tamén queren ser voluntarios. Moitos teñen que irse de Verín, porque seguen os seus estudios, son universitarios, e os seus postos na biblioteca son ocupados por outros. Isto é constante. Se está retroalimentando e está sendo un espello. Non son unicamente rapaces que colaboran senón que crean un valor de cultura altruísta que é importante. Que na sociedade actual existan estes rapaces é fundamental.

-E eles teñen tamén ese sentimento pola biblioteca?

- O sentimento que teñen os voluntarios é incrible. Hai maiores que ata o poñen no seu currículo como algo moi importante, como algo engadido a súa formación académica, a súa participación na biblioteca de Verín. Iso é un orgullo para nós e para eles, que presumen diso. Acaban sendo os nosos nenos, coñecemos as súas teimas, os seus gustos e pasan a formar parte case das nosas familias.

«Hoxe xa podemos dicir que somos un centro cultural que presta libros»

A biblioteca municipal de Verín non é so un espazo pensado para os máis pequenos. O centro é un lugar de referencia para os adultos que buscan un espazo cultural.

-Que outras actividades para adultos destacaría?

-Hai anos que empezamos co tema da dinamización da cultura tamén a nivel adulto, con conferencias ou exposicións. Xeramos un hábito nos adultos que regularmente veñen para saber que hai na biblioteca programado. Queremos adaptala a un centro cultural. Dar ese salto. Para nós o importante é estar integrado na sociedade e ser atraínte, xerar unha serie de actividades que leven a ser un centro que chama atención. Antes eramos unha biblioteca con actividade culturais e hoxe podemos dicir que somos un centro cultural que ten unha biblioteca. Ese cambio é un matiz que o di todo. Un cambio total de mentalidade.

-Que actividade destacaría neste ano?

-Tivemos dúas cousas moi importantes, a maiores de todo o demais. Recibimos una doazón de 2.000 reproducións dos semanarios antigos de Verín de 1893 a 1936, das cabeceiras que existían, e tamén da biblioteca persoal do fillo de Taboada Chivite. Neste momento o goberno municipal tivo a sensibilidade, porque non tiñamos tempo, de pór a alguén máis axudándonos neste tema. Tivemos que facer o rexistro, a catalogación un por un dos xornais, a dixitalización e obtención de metadatos e subida en web. Ademais de manter o ritmo das actividades que son habituais. Isto non para. Entramos nunha dinámica que, aínda que nós quixésemos, non poderiamos deixar de facer cousas.

-Que obxectivos se marca no futuro?

-A curto e medio e prazo simplemente continuar co que facemos na biblioteca, da mellor maneira posible.