O Ribeiro acollerá este verán a segunda edición do Son Festival organizado polos colleiteiros 

La Voz

OURENSE

Reunión de colleiteiros do Ribeiro
Reunión de colleiteiros do Ribeiro

Os pequenos produtores traballarán na presenza en mercados nacionais e internacionais e reforzará a revalorización do territorio a través da clasificación do viñedo

22 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación de Colleiteiros do Ribeiro e Vitivinicultura Artesanal de Galicia, formada por un amplo colectivo da comarca do Ribeiro e doutras zonas de Galicia, celebraron a primeira xuntanza xeral do ano. Entre os seus obxectivos figuran a defensa do territorio, a mellora da vida dos veciños e vitivinicultores das comarcas, a recuperación e posta en valor dos viñedos e o fomento da elaboración de viños baseados no potencial das castes autóctonas. Ademáis, pretenden a recuperación da tradición e da historia, así como o apoio ós pequenos produtores que desenvolvan unha vitivinicultura respectuosa co medioambiente e co territorio.

Durante a xuntanza abordáronse cuestións relacionadas ca promoción dos pequenos produtores en eventos de interese nacionais e internacionais, así como actividades de promoción e posicionamento da marca colleiteiro mediante a participación en encontros vitivinícolas e acordos con produtores de características semellantes a nivel estatal e internacional. Tamén se tratou o papel da revalorización do territorio a través da clasificación do viñedo.

Entre os asuntos principais figuraron a nova páxina web dos colleiteiros e a xestión das redes sociais; a Feira do Viño do Ribeiro, incluíndo participación e condicións; e a información sobre a actividade do C.R.D.O. Ribeiro, plenos e comisións informativas.

Así mesmo, analizouse a presenza en feiras e eventos nacionais e internacionais en cidades como Vigo, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, Londres, Porto e Milán. A difusión e promoción da marca colleiteiro e do territorio do Ribeiro en mercados sensibles ós viños de pequenos produtores e artesáns foi outro dos puntos tratados, xunto coa revalorización do territorio do Ribeiro, con especial atención á clasificación do viñedo.

Acordouse, tamén a organización da segunda edición do Colleiteiro Son Festival, un evento que percorrerá as adegas e viñedos de cada colleiteiro nas diferentes aldeas do Ribeiro durante os meses de verán, con viño, gastronomía e música, e que rematará cun gran Festival dos Colleiteiros.

No ámbito interno, abordáronse cuestións como o fortalecemento da figura do colleiteiro no mercado interior e na propia comarca mediante actos, eventos e un local de promoción e venda; a organización interna, o censo de asociados, as cotas e admisións; e a apertura a novos colleiteiros doutros puntos de Galicia baixo o paraugas de Vitivinicultura Artesanal de Galicia.

Tamén se trataron acordos e convenios con outras organizacións de pequenos produtores a nivel nacional e internacional, así como axudas e convenios coa administración pública, entre elas a Deputación, concellos e Xunta .