Sés: «Cando me preguntan cal é o lugar máis bonito de Galicia, digo a Ribeira Sacra»

OURENSE

Sés
Sés

A cantante visita este sábado a capital na xira do seu último traballo «Nadando na incerteza»

29 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantante e compositora María Xosé Silvar, Sés (A Coruña, 1982), actuará no Auditorio de Ourense o sábado (20.30 horas, desde 22 euros). No concerto presentará «Nadando na incerteza», un libro-disco composto por trece temas. A artista chega á cidade cun espectáculo no que conflúen música, palabra e proposta visual, cun estilo propio e recoñecible.

—Como é a súa relación coa cidade e coa provincia?

—Ourense gústame un montón, é un sitio que me encanta, igual que Lugo. Son lugares onde estou menos, pero precisamente por iso faime máis ilusión ir. Cando me preguntan cal é o lugar máis bonito de Galicia, digo a Ribeira Sacra. Une as dúas provincias e é espectacular.

—Nesta ocasión presenta un novo proxecto en versión libro-disco. Por que decidiu apostar por este formato?

—Consideraba que o disco como realidade física estaba máis que morto. A xente, se compra algo, compra máis ben vinilo, e eu non quería facer un cedé que ó final quedase esquecido, xa que actualmente non o podes nin poñer no coche. Pensei en non facer nada físico, digamos que non quería estafar a ninguén, e subir todo ás plataformas. Pero tamén vía que á xente lle gusta cando explico os temas nos concertos. Propuxéronme facelo por escrito e custoume moito, porque me daba pudor poñer palabras, negro sobre branco. Eu escribo cancións, pero non son narradora. Aínda así, tamén apelaron á coherencia e á idea de dotar de normalidade á lingua, de que os falantes poidan acceder a obras deste perfil.

—E como foi ese proceso?

—Tiven que superar o pudor que me supuña. Está deseñado por Dinís Freixanes, da Cooperativa Sacaúntos, que me axudou moito. Eu son unha persoa moi lectora e odio cando vexo algo mal editado. Todo neste disco está moi coidado, tanto a parte musical, na que eu asumo o proceso técnico, a gravación e a edición, como na parte da edición do libro.

—O espectáculo incorpora unha proposta visual e escenográfica. Como xorde esa idea?

—Non son unha persoa moi visual nin como consumidora nin como creadora. Gústame a sobriedade no escenario. Pero houbo discos que pedían esa intimidade e ese soporte visual, e este foi un deles. Desde o inicio vin no veludo azul un océano de plástico que simbolizaba «Nadando na incerteza», un océano dramático, moi teatral. Foi importante levalo ó escenario. Hai unha escenografía coidada e unha iluminación conectada con todo o que se conta. Eu móvome moito por instintos máis que por deseños, e mentres escribía as cancións xa pensaba en como quedaría todo visualmente.

—Que poderá ver o público de Ourense no concerto?

—Sobre todo, unha banda espectacular. Nestes tempos cada vez hai menos músicos nos escenarios, e aquí van ver uns de primeira división. Máis da metade do mérito do que sucede no escenario é deles. Eu síntome tremendamente honrada de estar acompañada por eles e iso vese no escenario: estamos todos moi contentos e orgullosos do proxecto. E iso é moi importante. Parece que se perdeu a importancia de ver xente no escenario con oficio, con habilidades, profesionais. E tan importante é a banda como o equipo técnico. Cómpre lembrar que a parte da iluminación e do son depende de persoas que están detrás e que a xente non ve cando aplaude. Moitas veces non se ten en conta que máis da metade do mérito debería ir para elas, porque teñen unha gran parte de culpa do que sucede no escenario e de como chega o espectáculo ó público. Na xira compartimos un proxecto no que se xuntan música, palabra e visual, acompañado dunha banda e dun equipo técnico cunha gran profesionalidade. Iso é o máis importante do que sucede no escenario.

—Como se presenta a xira de «Nadando na incerteza»?

—Aínda quedan varios concertos, como os de Narón, Compostela e Pontevedra.

—E seguirá fóra de Galicia?

—Faremos as datas de sempre: Madrid, Barcelona, Valencia...

—Haberá moitos galegos que se acheguen?

—Non todo o público que vai ós concertos que ofrezo no resto de España é galego, nin moito menos. Nas grandes cidades hai xente moi aberta. Gústame cando non me coñecen e responden só ó que ven no escenario, porque iso é o máis importante: é unha forma de lexitimarte ante ti mesma. Enfróntaste a quen es nese momento, ó que acabas de facer. Arrincar un aplauso desde o descoñecemento paréceme moi importante como artista.