É un espectáculo. Eu ata diría que o máis incrible de todos os que se poden ver na provincia en todo o ano. Certo que non move como a París de Noia ou un deses cantantes novos que se levan entre a rapazada e que falan coma se tiveran papeiras, pero sen dúbida a ViboMask é o festival máis incrible de todo o que se organiza na volta. E quen se ofenda, ou non foi ou sabe que teño razón. Eu non lle vexo máis opcións. O meu co entroido é fascinación absoluta, ese entroido que sae da tradición, que lle dá vida ás aldeas, que crea comuñón entre os que acaban de deixar o cueiro cos que xa fai tempo que peitean canas... Certo que o da mascarada ibérica significa velos fóra do seu lugar de orixe, máis ten o encanto de que segue a ser no rural (non algo totalmente descontextualizado nunha gran cidade), e sirve para marcar no mapa sitios aos que ir cando sexa entroido para velos no seu esplendor. Gústame ir ao ViboMask. E vou preparada. Sei que me pode turrar un touro, atoparme cun farrapo de Laza sobre as costas, notar como me pican as formigas ou que un boteiro me empurre para abrirse paso. Máis a experiencia dime que evitando o abarrote da praza (e pouco máis dá se se fala da de Viana o da de Vilariño, porque chea de xente hai nos dous sitios aínda que non toque a Panorama) pódese gozar do desfile sen ter que poñerse de puntas para ver as máscaras. E por riba é unha actividade fantástica para ir con nenos, porque nun só sitio coñecen moitos entroidos que, doutra maneira, precisarían esperar varias ducias de anos. Sen dúbida, o que está por vir é un fin de semana para gozar do noso rural. Para quedar. Ou para vir.