O camiño do viño

Juan M. Casares MEDIDA DAS COUSAS

OURENSE

06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Noite de verán nos camiños de Galicia. Estomballado baixo un carballo centenario, preto do regato onde bebe e se recupera a recua, o eterno camiñante olla cara ao ceo mentres degusta uns anacos de pan e xamón necesarios para o seu sustento. Un manto de estrelas o arrolan durante o seu descanso. Aquel ceo estrelecido semella o fanal da lámpada que viu catro días antes no pazo do Señor da Seara, o fidalgote ao que mercou os dez moios de viño que conduce cara Compostela.

O arrieiro segue un vieiro que recorreron varias xeracións da familia. Está afeito a peregrinar só mais esta soidade compénsase coa admiración que sente pola beleza da súa terra; adoita dicir que se considera unha alma en perpetua harmonía coa contorna. Atravesa Galicia polos sendeiros que discorren entre as fragas de carballos barís, de soutos fidalgos e de piñeiros xenerosos. Séntese o derradeiro druída dunha tribo que aínda valora a beleza nas formas redondeadas dos grandes penedos graníticos, a escuma das fervenzas, e o lene discorrer de ríos e regatos».

Teño para min que no Ribeiro demostrase que non é o mesmo contar historias que posuír historia e O camiño do viño constitúe unha boa mostra. É unha iniciativa que naceu en 2019 como a marca de promoción enoturística da Ruta do viño do Ribeiro co obxectivo de poñer en valor os seus recursos máis senlleiros: a paisaxe, o viño, a riqueza arquitectónica e o outro tesouro líquido, o termalismo.

Hoxe está a piques de ser un sendeiro enoturístico no que o visitante gozará dunha viaxe iniciática pola historia; un vieiro no que dará un pinchacarneiro no tempo e sentirase protagonista do espertar da memoria de Galicia respecto dun territorio e un produto que durante séculos foron motores económicos da nosa terra. Dende este púlpito improvisado convídoo a se mergullar nos camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño por toda Galicia e a sentir a metáfora vital dunha comarca no seu percorrido pola historia onde chegou a ser o gran viño nacional de Galicia.

«A porta de Mazarelos non fica lonxe, matinaba o arrieiro, e canda ela representarase un episodio repetido durante séculos: a milagre da chegada do viño do Ribeiro á capital do ceo de Galicia».