«La corrente è interrotta»

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

El foi, non había luz, e quedou a esperar. Eu fun, non tiñamos luz, e puxémonos a traballar.

Conto o que pasou na semana pasada no polígonos de San Cibrao, Barreiros, Parque Tecnolóxico e o Pereiro; quedamos sen luz na quenda de mañá e non voltou ata ben entrada a quenda da tarde. Cando te afás a un entorno fabril, o son das cintas transportadoras é o ruxe-ruxe da túa actividade diario; cando non escoitas o axóuxere preocúpaste, máis nos tempos que corren. Cando hai unha parada non planificada e máis diste xeito, supón un problema de organización industrial. Con celeridade aproveitas para tarefas auxiliares tantas veces retrasadas polo «xusto a tempo». Imaxinen a posta en marcha dunha inversión millonaria que queda en suspenso, cun equipo italiano conectado de forma remota; explíquenllo: «foise a luz; non sabemos cando volverá, marchou» ou «la corrente è interrotta».

Lóxico é ter una reunión executiva para tomar medidas, coas propostas clásicas de ter unha acometida preparada para un xerador de alugueiro, ou integrar un dentro da propia infraestrutura. Do que transcende nas reunións, e do que se pode contar, resúmese que a subestación do polígono leva tempo sen as modernizacións necesarias e encóntrase no ocaso da vida útil, precisa dun plan a longo prazo para que eventos coma este non se repitan.

O concepto de Ourense como provincia colonial, da que extraes a riqueza en forma de quilovatios, queda ademais patente coas infraestruturas en decadencia para a propia bisbarra. Un exemplo, a nova administración americana vai investir miles de millóns en renovar tendidos e liñas eléctricas. Nós que dimos o salto sen rede á industria 4.0, nós que como acróbatas no arame, dámonos conta que o cable non ten o enganche positivo. Por iso é necesario un plan para innovar e actualizar as infraestruturas eléctricas, e non, como exemplo, o peche do Centro de Control de Iberdrola na Rúa.

É necesario unha visión de país para ter unha política enerxética que mellore a vida das veciñas e dos veciños primeiro, e logo que mellore tamén a competitividade das empresas para que poidan desenvolverse nun escenario socialmente responsable.