Como nenos

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

13 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son pequenos en idade e estatura, pero moito máis sensatos que outros moito máis maiores en idade e tamaño. É fácil estar nunha terraza e ver na mesa do lado a un neno xogando con outro coa máscara posta, mentres os pais charlan e fuman coa máscara no papo coma se o coronavirus non pasara por aquí. E o mesmo xogando no parque. Incluso é fácil ver como deixan a máscara posta cando soben ao coche cos pais. Asumiron que hai que levala, que hai un bicho por aí que está causando estragos e que non queda outra. Eles asumírono moito mellor que os pais e os avós. Os cativos non piden volver á vida de antes como pedimos o resto. E non creo que sexa porque son máis conformistas, que se algo ten a infancia é que che dá o súper poder de soñar que podes con todo. Será a inocencia, a que fai que penses que podes con todo, pero que non che fai estar todo o día tratando de ser «o máis listo», facéndonos trampas a nós mesmos ao solitario. O luns facía furor nas redes os comentarios de moitos docentes que, apelando á inocencia dos rapaces, lles preguntaron con quen pasaran as festas. E nesa listaxe saían árbores xenealóxicas e de amizade longas a modo de estirpe da realeza. Será que era o Nadal de quedar ata con ese primo terceiro do que en realidade apenas coñeces máis que o nome, para ir de cañas. Os adultos portámonos mal, e arrastramos con nós aos cativos. Así o din os números. Na volta ao cole hai moitos máis casos asociados aos centros educativos que antes das vacacións. Ao final os nosos fillos están mellor -isto é unha lectura en xeral, sen ir polo miúdo- no colexio que con nós mesmos. Merecemos extinguirnos.