«O cambio climático impide coñecer con precisión os ciclos da velutina»

luis García / Marta López CARBALLO

OURENSE

ANA GARCIA

Cristina González é enxeñeira agrícola. Acaba de recibir a máxima cualificación co seu proxecto de fin de grao en Ourense

27 feb 2019 . Actualizado a las 23:21 h.

Cristina González Abeledo presentou recentemente no campus de Ourense o seu proxecto de fin de grao en Enxeñaría Agraria, un traballo que titulou A vespa velutina: a descrición das características dos seus niños, e co que obtivo unha cualificación de 10.

-Xa hai algún tempo que a velutina nos acompaña.

-No 2010 entrou a España, e en Galicia tivo en 2012 dúas entradas: unha polo norte, por Lugo, e outra por Vigo. Así se explica a rápida expansión. É nativa do suroeste asiático e o primeiro avistamento en Europa foi no 2004, en Francia. Crese que chegou ao continente por vía marítima, nun barco cargado de mercancía que proviña da China.

-É unha especie invasora da que se están facendo múltiples estudos e investigacións.

-Si, aínda que os métodos que hai son insuficientes. Está a retirada dos niños, e tamén o trampeo -que eu mesma tamén o fago- pero, ademais de pillar as raíñas velutinas, tamén atrapas outros insectos que teñen un rol importante no ecosistema, o que xera efectos negativos. É un campo no que temos que seguir investigando moito, para dar con métodos selectivos coa avespa e que sexan máis eficaces. Dunha raíña poden saír, ao final do ciclo, outras cincocentas; de aí a importancia de eliminar todas as que se poidan. Respecto ás trampas, a que mellor me funcionou foi unha elaborada con viño branco, zume de arandos e azucre. Tamén probei unha con vermú, pero non caeron tantos insectos.

-Dos 313 concellos galegos, hai algún que se salve da colonización?

-Segundo os últimos datos proporcionados pola Xunta en 2018, en teoría son 50 os municipios nos que aínda non se fixo ningún avistamento. Tamén pode ser que haxa máis ou menos alarma por parte da poboación, que os niños non estean visibles... Ata hai pouco, por exemplo, as árbores non permitían ver con claridade as colmeas; pero agora, coa caída das follas, xa se ven máis.

-Os datos cos que está máis familiarizada son os que corresponden á provincia de Ourense.

-Si, a Ourense chegou a avespa a finais do 2015 e principios do 2016. Nese primeiro ano localizáronse 6 niños, no 2017 foron 110, e no ano 2018 xa 159. Todos eles en relación ás primeiras parroquias invadidas. Veu para quedar.

-A estrutura e características dos niños son ben particulares.

-Habitualmente fanos preto de cursos fluviais, para ter a cantidade de auga necesaria para mascar e facer unha especie de polpa que elaboran coas cascas ou follas das árbores. Con esa polpa moldean as colmeas.

-Tamén chama a atención o gran tamaño das colmeas.

-Si, os niños primarios son pequeniños, pero cando a colonia vai medrando e fan un secundario si que adquiren uns tamaños considerables. Dos 18 niños que estudamos, o seu perímetro variou nun rango de 90 centímetros: os máis grandes tiña 162 e o máis pequeno, 72. En canto á altura, creo lembrar que o máis alto tería uns 75 centímetros, e o máis pequeno, 24.

-Cantos se levan retirado en Galicia, máis ou menos?

-Máis de 24.000 o ano pasado.

-No seu caso, estudaron 18 de diferentes zonas de Galicia.

-Así é. Estudamos niños do interior, e tamén da zona costeira: de Ourense e Lalín, pero tamén de Ribeira... Investigamos durante aproximadamente un ano e medio, para obter datos reais.

-Cal é o momento idóneo e máis efectivo para retirar as colmeas?

-O ideal sería durante a noite, ou pola mañá cedo, antes de que saian as avespas. Pero os horarios laborais son os que son, e tampouco se lle vai mandar á xente estar de noite, con pouca visibilidade, retirando niños.

-Cal é a conclusión máis sorprendente do seu estudo?

-Existen diferenzas na alimentación das avespas da costa respecto ás do interior. No primeiro caso atopamos eucalipto e hedra, ademais de moitos tipos polínicos. E en canto ás velutinas de interior predominaba a hedra, pero tamén había moita presenza de castaña sativa e dente de león.

-Están aletargadas as avespas ata o comezo da primavera?

-Si e non. Preto de onde eu vivo hai aínda un niño activo. A velutina ten un ciclo que depende das temperaturas, e o cambio climático non nos permite saber con precisión en que situación está.