O momento da Ribeira Sacra

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

04 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estivemos tantas vidas agardando que os demais fosen quen de recoñecer o que nós xa disfrutabamos que ata chegamos a pensar que non o íamos ver. Mais a Ribeira Sacra foi espallándose aos poucos, como a auga que vai entrando na terra, e proxectos como algúns que axudaron a poñela moito mellor no mapa -quen dera coñecer o rexistro de hóspedes que pasaron polo parador de Santo Estevo nestes anos!- e a aposta das institucións está a dar os seus froitos.

Hai tempo que se empezou a constatar o interese por instalarse na zona de novos veciños chegados doutros países e agora algún medio de comunicación inglés aposta por darlle a oportunidade que se merece a ese espazo natural deitado ao carón da auga entre as dúas provincias do interior galego. De certo que non vai ser a chave para un fenómenos como o das illas Cíes, cousa que tampouco é boa, mais compre aproveitar a oportunidade que se abre con esa nova ollada sobre a Ribeira Sacra para dinamizar un territorio que hai tempo que perdeu a batalla contra o despoboamento e que necesita, urxentemente, unha nova vida para non rematar sendo unha fraga deserta.

E entrementres se fai o camiño da desexada declaración de patrimonio por parte da Unesco non estaría por demais que se fosen planificando os usos do territorio e o que se debería evitar para ir gañando tempo e, de paso, ir protexendo un territorio que conta con todo para ser un espazo único mais que tamén pode rematar sendo un referente do que non se debe facer. Como outros que xa coñecidos.