«A min os fallos que máis me molestan son os meus»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

PABLO ARAÚJO

O cirurxán ourensán recoñécese, antes que nada, pontino

14 jul 2012 . Actualizado a las 13:15 h.

Para empezar e para rematar, Camilo Álvarez non fala da súa paixón profesional, a cirurxía; nin do seu paso pola corporación de Ourense coma concelleiro de Coalición Galega; nin do futuro da sanidade. Para empezar e para rematar, Camilo Álvarez (Parada de Amoeiro, 1948) fala do barrio da Ponte, o seu lugar no mundo.

Alí chegou cando tiña 7 anos e na sede da simbólica La Troya transcurriu a súa vida, antes e despois dos estudos universitarios en Compostela e os inicios como médico en Oviedo. «O meu pai era conserxe na Troya e eu, practicamente, crieime alí. Vivín moi intensamente A Ponte», di. Tanto que chegou a presidir a entidade nun momento de gran incidencia na sociedade. Tanto que, de neno, sendo alumno do colexio Cisneros, el era, simplemente, «Camilo, do Puente».

«Hai moita xente que vive na Ponte, moitísima, hoxe uns 35.000, pero da Ponte quedamos menos. A xente xa non vive aquelo de ser do Puente; vive nunha rúa, nun barrio, pero eu son do Puente», enfatiza.

Foi, posiblemente, ese arraigo pontino e o seu peso social como cirurxán os que o levaron a sentarse nun sillón da corporación municipal de Ourense no segundo mandato democrático. O doutor Álvarez foi durante 4 anos concelleiro da oposición, nas filas de Coalición Galega, con outro pontino, Antonio Caride, como alcalde. Eran, lembra, tempos de busca de consenso: «Foi unha experiencia positiva porque todos eramos afeccionados, non había dedicacións exclusivas nin nada e fixen amigos, entre eles o actual alcalde, que daquela era concelleiro do PSOE». Pero foi, engade, unha etapa sen futuro: «Deime conta de que á política hai que dedicarlle tempo e eu non quería». O tempo, Camilo Álvarez preferiu dedicarllo sempre á medicina. A súa gran satisfacción é a creación no hospital de Ourense dunha unidade de cirurxía da mama que soporta coa cabeza alta as comparacións. E, no terreo persoal, a satisfacción de saber poñerse no lugar do outro: «As cousas hai que velas dende un lado da mesa e dende o outro. Sempre que falas cun paciente tes que pensar que ti poderías estar do outro lado. A min os fallos que máis me molestan son os meus, cando comprendo que fallei, que non estiven á altura».

Hoxe, reflexiona, hai valores que se están perdendo, pero a Camilo Álvarez, que pensa nunha xubilación que non desexa, quédalle a herdanza do seu pai: «Ensinoume que hai que ser boa persoa e honrado».

E niso anda; iso si, sempre cos pés nese mundo chamado A Ponte.

Camilo Álvarez Rodríguez

É cirurxán e responsable da unidade de mama do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

A ponte romana, na entrada do seu lugar por excelencia: A Ponte