Tarde ou cedo todos precisamos un. Non se trata dunha cuestión de dignidade ou de falla de ética ou irresponsabilidade moral, simplemente é pura supervivencia, grande necesidade perentoria. «A fame non ten lei?», reza no vello romance popular O Muíño da Lama. Este infrecuente amigo asomou estes días como empresa construtora ourensá que asina en Arabia un contrato de 6.700 millóns de euros para levar o AVE ata A Meca mentres o noso disólvese na indefinición dun presidente chamado amigo e galego, aberto ou soterrado. Estivo tamén coas familias de Portonovo, A Coruña e Cea que foron salvadas do cruceiro de luxo Concordia. Os milleiros de millóns que se van en entes e sociedades da Xunta tamén terán o seu. O mesmo que as 20.000 familias de Ourense ata onte normais e que inauguraron o 2012 xa na exclusión social. É unha auténtica amiga no inferno a ONG que cada día reparte un prato de comida quente as persoas sen recursos do barrio. Fraga terao pola contra sempre a porta confortándoo. Hai un tamén nas escilintantes moutas de po que habitan a escuridade do cuarto de Marta del Castillo. Outro fala coa voz do ministro que negou a suba de impostos e agora xustifica máis IRPF para corrixir o déficit público, medida dolorosa mais tamén inxusta. Hai un deles tamén na alianza exterior cun mundo en transformación onde unha célula de universalidade chamada Galiza quere brillar con luz propia. A plataforma que se opón con fouces e angazos o morto ambiental dunha incineradora enriba de petróglifos e cruces de pedra no Irixo. Precísano sobre todo os 5,4 millóns de parados e subindo a pesar de todas as mentiras que quedan. Tamén os milleiros de rapaces ciberadictos co cerebro esfolado polo individualismo materialista. Un militante anónimo da Limia que soña cun BNG imposible e improbable anda a súa procura. E ata o mesmísimo Charles Darwin debeu ter o seu cando proclamou «Sen dúbidas, non hai progreso». Admitámolo, todos precisamos un amigo no inferno, mágoa de telo.