Se hai unha boa maneira de testar o traballo institucional dun político máis aló da propia iniciativa é a prensa. O medio xornalístico é unha implacable radiografía da saúde motriz dun político tanto pola súa presenza diaria, como nos índices de impacto así como pola convocatoria, interese ou relevancia dos temas. Ademais se son os propios xornais os que outorgan a distinción como figura revelación dunha lexislatura entón xa non hai dúbidas, o traballo político foi óptimo. Se tal recoñecemento asemade acontece nun órgano como é a cámara alta madrileña onde a excelencia do eco xornalístico lonxe de estar de saldo custa un alto prezo de sensatez e coherencia, entón xa non hai volta atrás, estamos a falar de alguén coa conciencia tranquila, probablemente con hipoteca, moito chollo, sen o tempo necesario para a familia e non salpicado por corruptela algunha. Se ademais o traballo estase a facer cuestionando de xeito radical a rendibilidade social dun órgano anquilosado como é o Senado onde chegan leis das Cortes que logo de ser rexeitadas de maneira flagrante saen de novo para o Congreso dos Deputados tan frescas e sen ningún tipo de reparo agás do parche da emenda, entón estamos ante unha persoa máis que comprometida, audaz. E se aínda por enriba o seu traballo político puxo na mesa do Goberno Central cuestións transcendentais para nos como o impulso e a declaración de interese social dos regadíos da Limia, a titularidade da Xunta das torres medievais de Pena, Sandiás e Porqueira, a circunvalación de Xinzo ou a fiscalización dos prazos do AVE galego, en definitiva, a continua defensa e proxección do territorio galego e de Ourense en Madrid como nunca antes se tiña feito a pesares da nutrida representación doutras forzas políticas, entón semella que dado o pouco peso demográfico que ten Ourense, cunha pirámide de poboación patas arriba sen moita opción de escano, sen peso económico suficiente, a única saída posible é o peso político e a solvencia de Pérez Bouza.